A Deputación da Coruña convida a comezar curso cantando en galego nas redes

luns, 10 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación da Coruña quere a nosa comunidade escolar (nenas, nenos, nais, pais, profesorado) comece o curso cantando, e que ademais o faga en galego e nas redes. Por este e outro motivos, a entidade provincial fixo coincidir o inicio das clases, esta semana, cun chamamento a participar na terceira edición do concurso Quero Cantar, cuxa face visíbel está a pleno rendemento en www.querocantar.gal. A web en cuestión recolle novos azos coa devandita proclama colectiva da Deputación mentres aínda goza do impulso brindado polas rapazas de Máis boas cás patacas, a banda feminina de Teo que foi quen de conseguir 25.000 visualizacións no YouTube co seu tema Son Muller, premiado en Quero Cantar.
O chamamento da Deputación veu da man da responsábel provincial de Cultura, Goretti Sanmartín, quen lembrou que o 19 de outubro remata o prazo para presentar cancións á terceira entrega do certame e que as bases poden consultarse ao completo en www.querocantar.gal.
Tamén fixo saber que a edición dun disco colectivo; a actuación en directo no teatro Colón da Coruña; a gravación dun videoclip para a súa reprodución nas redes e cantidades económicas de 1500 €, 1000 € e 500 € son algúns dos premios do concurso Quero Cantar, que ten a súa convocatoria aberta a grupos e solistas, con tres premios en cada unha das categorías infantil e xuvenil.
Goretti lembrou, asemade, que o xurado estará composto por cinco recoñecidos profesionais da música, que terán que decidir as bandas que se inclúen no disco Quero Cantar ´18 de entre todos os que se presenten antes do vindeiro día 19 de outubro. De entre estas, as tres primeiras clasificadas en ambas as categorías han actuar na gala final do teatro Colón, que este ano se vai celebrar o sábado 17 de novembro.
Amais, salientou o papel despregado por grupos participantes no concurso (e gañadores) como Os nenos da Vella ou Máis boas cás patacas, que “están a promover a iniciativa con mensaxes que explican o que supuxo a participación no Quero Cantar”. Segundo fixo saber, a pasada edición acadou “especial repercusión tamén polo contido das cancións gañadoras”, a de Os nenos da Vella reivindicando os beneficios de xogar na rúa con outros rapaces, a de Máis boas cás patacas, enxalzando os dereitos das mulleres.

PUBLICIDADE