A Deputación da Coruña e PuntoGal asinan un convenio para a posta en marcha dun observatorio da Rede
venres, 26 de agosto do 2022
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González
Formoso, e Manuel González González, presidente de PuntoGal, asinaron
hoxe un convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial
contribuirá con 29.000 euros á creación do Observatorio PuntoGal da Rede
por parte da xestora do dominio. A sinatura realizouse de xeito presencial na
sede da Deputación.
Segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín
González Formoso, “o Observatorio PuntoGal centralizará, nunha páxina web
creada para este fin, información sobre o uso da rede en Galicia, desde unha
perspectiva técnica pero tamén sociolóxica”. Como xestor dun dominio de
primeiro nivel e como parte da industria da rede, PuntoGal conta cos datos e
ferramentas que lle permitirán analizar múltiples variables, aínda que se fará
un especial fincapé na situación da lingua galega. “Entre outras cuestións,
este acordo permitiranos coñecer datos detallados e precisos sobre a presenza de
Galicia e do uso do galego en Internet, cun proxecto innovador”, afirmou
Formoso.
O presidente de PuntoGal, Manuel González, sinalou que “O
dominio .gal foi concibido entre outros obxectivos como un axente para impulsar
a presenza de Galicia na Rede, e de maneira moi especial como un motor de
normalización da lingua e da cultura galega, fomentando o uso do galego en
Internet e servindo de escaparate que lle dea visibilidade universal”.
Igualmente, apuntou que “é necesario facer un seguimento do uso de Internet en
Galicia e analizar de maneira continuada a presenza da nosa lingua no
Ciberespazo, porque o nivel de uso do galego en Internet é un termómetro
bastante fiable do seu grao de saúde. Felicitámonos por facer realidade esta
iniciativa do Observatorio PuntoGal que mediante a sinatura deste convenio
poñemos en marcha a Asociación PuntoGal e a Deputación da Coruña, a quen quero
agradecer a súa sensibilidade para decatarse da importancia deste
Observatorio”.
PuntoGal, que supera os 6.500 dominios rexistrados, asume
así o cometido de “activar un proxecto de referencia para a Rede galega. O
observatorio buscará poñer en destaque os datos de presenza da lingua, a
cultura ou o tecido empresarial na Internet”, en palabras do seu director,
Darío Janeiro. O proxecto inicial desenvolverase entre os anos 2022 e 2023,
terá un orzamento total de máis de 40.000 euros e permitirá “ter unha visión
clara e precisa, cun nivel de detalle inédito ata hoxe, da riqueza e a
diversidade da rede en Galicia e, tamén, da provincia da Coruña’, concluíu
Janeiro. O Observatorio ten vocación de continuidade en anos seguintes, coa
incorporación de novas métricas que axuden a facer un mapa da rede galega.
O Observatorio PuntoGal forma parte do programa corporativo
de iniciativas arredor das TIC e a lingua que mantén o dominio. Nesta liña
figura o apoio a proxectos como o certame Spin-Off PuntoGal, o concurso de
relatos coa RAG, a colaboración coas seleccións galegas de fútbol gaélico, o
patrocinio de contidos en galego na rede ou a colaboración co Museo do Pobo
Galego, por citar só algúns casos.