A Deputación da Coruña e o Clúster Audiovisual queren poñer as pemes galegas do sector na vangarda tecnolóxica

xoves, 15 de setembro do 2022 S. P.

A Deputación da Coruña e o Clúster Audiovisual Galego van colaborar para impulsar a transformación tecnolóxica do sector. Así o fixeron saber o deputado de Transición Ecolóxica e Emprego, José Ramón Rioboo, e máis Jorge Algora e Mar Varela, presidente e xerente do Clúster Audiovisual de Galicia, quen mantiveron unha xuntanza esta semana co obxectivo de “perfilar a presentación dunha candidatura á convocatoria de axudas para infraestruturas do ecosistema dixital audiovisual, enmarcadas dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España”.
Trátase dunha convocatoria que destinará 24.813.295 euros á creación ou mellora de ecosistemas dixitais no sector audiovisual poñendo á disposición das pequenas e medianas empresas deste sector a tecnoloxía máis avanzada para superar as súas barreiras dixitais e emprender os seus novos proxectos.
O apoio ás pemes materializarase ben mediante explotación directa polas entidades locais do espazo destinado a estes ecosistemas ou ben mediante a correspondente convocatoria de concesión a empresas que asuman o compromiso de apertura no servizo a todas as empresas do sector.
As actividades ou subproxectos financiados ao abeiro destas axudas deberán facer uso intensivo das Tecnoloxías de Información e Comunicación (TIC) e encadrarse nalgún dos seguintes eidos de coñecemento científico tecnolóxico:
- Tecnoloxías vencelladas á produción, posprodución e edición de contidos audiovisuais, incluídos videoxogos e eSports.
- Tecnoloxías para a creación, explotación e distribución de contidos inmersivos, incluíndo Realidade Aumentada, Realidade Virtual e Realidade Mixta.
- Outras tecnoloxías susceptíbeis de seren empregadas no proceso de creación, explotación, distribución ou comercialización de contidos audiovisuais, incluídos videoxogos e eSports.
- Tecnoloxías de comunicacións e seguridade informática destinadas ao entorno de traballo e/ou laboratorio no que se empreguen as tecnoloxías mencionadas nos puntos anteriores.
Entre os gastos subvencionábeis atópanse a adquisición, instalación, posta en marcha e capacitación no uso de ferramentas dixitais para a automatización dos procesos de produción audiovisual, de ferramentas dixitais para a creación e desenvolvemento de contidos audiovisuais e dixitais, de ferramentas dixitais para a difusión e explotación das producións e de tecnoloxías de comunicacións, seguridade ou de propósito xeral destinadas en exclusiva aos fins do proxecto, así como os gastos de persoal contratado exclusivamente para a realización e execución da actuación ou subproxecto e o deseño e desenvolvemento de materiais promocionais, tamén vencellados á actuación.
A convocatoria establece que os orzamentos de gasto poderán oscilar entre os 5 e os 10 millóns de euros, dos cales as entidades locais beneficiarias deberán co-financiar como mínimo o 10%. Ademais establécese que os fondos aportados polas entidades beneficiarias poderán destinarse a gastos necesarios para o desenvolvemento do proxecto que non resulten subvencionábeis ao abeiro da convocatoria.
O réxime das axudas é o de concorrencia competitiva e o prazo máximo para a presentación de candidaturas remata o vindeiro luns, 19 de setembro, ás 12.00 horas.

PUBLICIDADE