A Deputación da Coruña e os concellos coincidiron na necesidade de xuntar forzas para protexerse dos ciberataques

xoves, 18 de abril do 2024 S. P.

Alcaldes e alcaldesas dos concellos da provincia da Coruña participaron este luns 15 de abril na Coruña nunha xornada sobre os retos e ameazas da ciberseguridade para as administracións locais organizada pola Deputación da Coruña. Entre as conclusións ás que chegaron as e os participantes figura a seguinte: cómpre contar con medidas de prevención e protocolos de actuación para enfrontar os ciberataques con garantías. Tamén se recalcou que a protección tecnolóxica das administracións non é algo circunstancial senón “unha cuestión de organización e goberno”.
A xornada foi inaugurada polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso e o deputado de Avance Dixital, José Ramón Rioboo, e contou coas intervencións do conselleiro do Consello de Contas de Galicia, Simón Rego Vilar, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño Iglesia, ademais da alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que explicaron ante o resto de rexedores da provincia as súas experiencias ante os ciberataques que os seus municipios sufriron recentemente.
O obxectivo da xornada, foi “concienciar aos gobernos locais de que a ciberseguridade é un elemento clave para os concellos”, sinalou González Formoso. Ao seu xuízo, “non se trata dunha cuestión técnica nin informática, e unha cuestión de organización e goberno”. Formo destacou que a gran maioría dos servizos municipais apóianse nunha infraestrutura tecnolóxica que queda paralizada por días ou semanas ante os ciberataques e que pode causar danos serios e incluso a perda irreversíbel de datos se non se dispón das medidas de prevención e recuperación axeitadas.
Formoso detallou que o cibercrime causa perdas económicas moi relevantes, estimadas no 1,5% do PIB mundial, e representa xa o 20% do total dos delitos en España, incrementándose ano a ano. "Nos vai acabar tocando, así que o mellor que podemos facer como alcaldes e alcaldesas é estar preparados e ter as ferramentas axeitadas para previr estes ataques e para minimizar os seus efectos cando se producen con plans de resposta e recuperación efectivos", afirmou.
O presidente subliñou tamén que a ciberseguridade é unha das liñas principais da Estratexia Dixital da Deputación da Coruña, que forma parte do nodo de ciberseguridade de Galicia (CIBER.gal) e colabora co Centro Criptolóxico Nacional (CCN) na implantación de perfís específicos de seguridade nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Ademais, é unha das catro deputacións de toda España que contan con certificación no Esquema Nacional de Seguridade (ENS). "Uns sistemas de seguridade que non só dan servizo á Deputación, senón aos concellos da provincia", explicou Formoso.
A xornada contou tamén coa intervención de Simón Rego, conselleiro do Consello de Contas de Galicia, que presentou o recente informe elaborado por este organismo sobre ciberseguridade nas deputacións galegas e que sitúa a institución provincial coruñesa como “a que mellor cumpre cos parámetros de ciberseguridade establecidos”. Rego destacou que, ademais do control económico, o Consello de Contas" ten unha función de colaboración na mellora da xestión pública local, que é menos coñecida pero é importante" e incidiu tamén no "incremento exponencial" dos ciberataques, que causan importantes danos económicos cifrados en máis de 6 billóns de dólares cada ano.
Pola súa banda, o director de AMTEGA, Julián Cerviño, chamou tamén a atención sobre o constante incremento dos ciberataques, especialmente tras a pandemia. “Nos primeiros dous meses de 2024 incrementáronse nun 190% con respecto ao ano pasado”, afirmou Cerviño, que destacou que as plataformas de seguridade da Administración autonómica bloquearon o ano pasado 167 millóns de ataques. Salientou a necesidade de “afrontar a transformación dixital e os retos da ciberseguridade de xeito coordinado” e sinalou o papel clave da administración local neste asunto.
As experiencias de Carballo e Teo
A xornada contou tamén coas intervencións do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, que narraron as súas experiencias recentes fronte aos ciberataques aos seus concellos e agradeceron a colaboración da Deputación da Coruña e AMTEGA para solucionalos. “Hai case un ano, o 25 de abril de 2023 ás cinco da mañá, chamáronnos por unha caída de todos os servidores informáticos, que paralizaron a actividade do Concello de Carballo”, afirmou Evencio Ferrero, que explicou que o ataque provocou problemas na actividade municipal “durante case un mes”.
"Foron semanas intensas, con preocupación e incerteza por parte da poboación. Os delincuentes pedían un altísismo rescate, pero grazas a contar con medidas de seguridade o único que perdemos foi un proxecto, rematado o día anterior, que houbo que volver a reiniciar enteiro”, explicou o rexedor de Carballo, engadindo que “trala crise, procedeuse á renovación do 75% dos equipos informáticos municipais e a posta en marcha dun novo contrato de ciberseguridade, que estabamos ultimando xa cando se produciu o ataque”.
A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, explicou tamén a súa experiencia, que supuxo “a paralización total do Concello durante catro días”. Segundo fixo saber, é preciso que os concellos pequenos conten cun informático no seu cadro de persoal. Lucía Calvo explicou como se efectuou a creación dun gabinete de crise e se activou o protocolo para ciberataques, que inclúe a denuncia perante a Garda Civil e a coordinación das mensaxes á cidadanía. A alcaldesa incidiu nos tres aspectos fundamentais fronte aos ciberataques: a prevención, que definiu como “fundamental”, a reacción tras o ataque e a concienciación social sobre a importancia crecente deste problema.

PUBLICIDADE