A Deputación da Coruña financia con 211.000 euros a dinamización dos coworkings da Rede Provincial

venres, 16 de febreiro do 2024 S. P.

A Deputación da Coruña anunciou que vai financiar con 211.000 euros, este ano 2024, a dinamización dos coworkings da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, composta por once centros de emprendemento e emprego innovador diseminados noutros tantos concellos da provincia. As achegas están destinadas a que os centros de traballo integrantes da Rede conten con asistencias técnicas especializadas na xestión deste tipo de centros, contribuír á súa dinamización sufragando os custes de funcionamento ou a adquisición de bens destinados á actividade, así como de servizos de profesionais independentes para desenvolver actividades formativas e eventos.
"A Rede Provincial de Coworking é unha das apostas da Deputación para impulsar o emprego e o emprendemento e dar novas oportunidades de futuro ao rural. Os centros teñen un marcado carácter comarcal e a súa finalidade é axudar a desenvolver sectores produtivos e profesionais específicos en cada zona", afirmou o presidente Valentín González Formoso, que engadiu que as axudas tramítanse en réxime de concorrencia non competitiva: só son destinatarias das subvencións as entidades sen ánimo de lucro e concellos que xa conten con centros de coworking adheridos á Rede provincial.
Un total de nove espazos de traballo colaborativo dos once cos que conta a Deputación na provincia recibirán subvencións por un total de 211.051,56 euros. As axudas solicitadas oscilan entre os 11.200 euros e os 29.750 euros.
A Rede Provincial de Coworking
A Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, impulsada desde o Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación, está formada actualmente por 11 centros xestionados por concellos e entidades sen ánimo de lucro que dispoñen de instalacións para o seu uso como espazo de traballo, ben sexan viveiros de empresas, centros de negocios ou espazos de coworking. Ofrecen módulos de traballo a novas empresas e persoas emprendedoras, prestan servizos comúns para cubrir as súas necesidades básicas e permiten deste xeito a posta en marcha e a consolidación de negocios durante os primeiros anos da súa vida.
En palabras da Deputación, “os centros teñen un marcado carácter comarcal e a súa finalidade é axudar a desenvolver sectores produtivos e profesionais específicos en cada comarca”. O obxectivo é “acompañar e asesorar as emprendedoras e emprendedores na posta en marcha dos seus proxectos, prestarlles servizos e facilitar que compartan experiencias, creando sinerxías e transferencias de coñecemento que impulsen o desenvolvemento das súas ideas de negocio e o nacemento de novos proxectos”.
Os espazos que forman actualmente a Rede son o Pazo de Arenaza en Oleiros, Transformando en Brión, o coworking da Capela, o espazo A Proa en Ames, o Green Coworking das Pontes, o LAB Barbanza de Boiro, o Coworking A Pobra, o Centro de Emprendemento A Estación de Vedra, o centro comarcal de desenvolvemento rural A Fusquenlla de Moeche, o Coworking Dixital Compostela e a Casa do Pescador de Miño. Podemos atopar máis información sobre todos eles na páxina web da Rede.
Subvencións
Concello da Pobra do Caramiñal
Pobra do Caramiñal, A
Coworking A Pobra
19.481,00 €
Concello da Capela
Capela, A
Coworking A Capela
24.791,69 €
Concello de Brión
Brión
Transformando en Brión
29.750,00 €
Asociación de Empresarios Seara
Pontes de García Rodríguez, As
Green Coworking
11.200,00 €
Concello De Vedra
Vedra
Centro de Emprendemento A Estación
29.750,00 €
Cámara de Comercio de Santiago de Compostela
Santiago de Compostela
Coworking Dixital Ccompostela
29.750,00 €
Concello de Boiro
Boiro
LAB Barbanza
12.620,30 €
Concello de Ames
Ames
Espazo A Proa
23.958,57 €
Concello de Moeche
Moeche
Centro de desenvolvemento comarcal A Fusquenlla
29.750,00 €
TOTAL
211.051,56 €

PUBLICIDADE