A Deputación da Coruña lanza un servizo avanzado de dixitalización para pemes en Ponteceso

venres, 9 de decembro do 2022 S. P.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o seu homólogo da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial de Tella (Ponteceso), José Ramón Pombo Imia, asinaron este 9 de decembro un convenio para a posta en marcha da nova oficina provincial Acelera PEME, que impulsará a transformación dixital das empresas en áreas rurais. Ao acto asistiron o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, e o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo. O servizo estará emprazado no Parque Tella e dará soporte asesoramento aos 93 concellos da provincia.
A misión desta oficina, explicou Formoso, será “apoiar ás pequenas e medianas empresas e ás persoas autónomas e emprendedoras de toda a provincia no seu proceso de dixitalización, o que lles permitirá mellorar a súa competitividade, logrando deste xeito o crecemento económico do territorio e contribuíndo a frear o despoboamento do rural”.
Pola súa banda, o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, agradeceu que a Deputación “recoñeza e valore o traballo realizado desde Ponteceso pola promoción económica e industrial da Costa da Morte, en especial desde o Parque Empresarial de Tella, un dos de maior crecemento nos últimos anos”. E engadiu: “Esta iniciativa que impulsamos coa Deputación supón unha aposta por Ponteceso e pola Costa da Morte. Falamos de 468.000 euros de fondos europeos que chegan a esta comarca para apoiar ás pequenas e medianas empresas”, subliñou García Carballido, que expresou
Os principais obxectivos desta oficina son sensibilizar ao tecido produtivo das zonas rurais sobre as vantaxes da dixitalización e fomentar a demanda tecnolóxica, dándolles a coñecer o amplo abano dispoñíbel de TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación); prestar apoio técnico para a obtención de axudas locais, autonómicas e nacionais; potenciar a dixitalización a través de resolución de dúbidas e asesoramento personalizado e servir como punto de encontro de oferentes e demandantes de tecnoloxía para o desenvolvemento de accións de transformación dixital.
Esta oficina será unha das 58 que se porán en marcha grazas a convocatoria de axudas para a ampliación da Rede de Oficinas Acelera PEME impulsada desde Red.es, entidade pública adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial.
Esta convocatoria contaba cun orzamento global de 23,8 millóns de euros, dos cales Red.es aporta ata o 80% do orzamento subvencionábel, mentres que as entidades beneficiarias a parte restante. As actuacións están financiadas polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos fondos Next Generation EU, no marco da axenda Dixital 2025 e o Plan de Dixitalización de PEMES 2021-2025.
O custo total da posta en marcha da Oficina Acelera PEME de Ponteceso ascende a 468.000 euros, dos cales o 80% corresponderán aos fondos captados a través da convocatoria de Red.es e o restante 20% o aportará Deputación cos seus fondos propios.
O persoal desta instalación será o encargado de prestar apoio técnico, asesorando e dando soporte ás pequenas e medianas empresas, os/as autónomos/as e aos/as emprendedores/as nas áreas principais de transformación dixital, organizando sesións de networking para conectar a oferta coa demanda tecnolóxica, identificando os programas de axudas existentes a nivel local, autonómico e nacional para informar sobre estes ao tecido empresarial da provincia, tanto para o seu coñecemento e uso (incluíndo o Kit dixital), como para a incorporación de metodoloxías e tecnoloxías innovadoras.
Pode atopar máis información sobre esta oficina podemos localizala na súa páxina web ou poñernos en contacto a través do correo electrónico oaprural@dacoruna.gal.

PUBLICIDADE