A Deputación da Coruña lanza unha campaña en redes sociais que une lingua e ciencia

xoves, 10 de novembro do 2022 S. P.

Co obxectivo de conmemorar o Mesa da Ciencia en Galego, a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña lanzou unha campaña nas redes sociais que aposta por reivindicar a rica confluencia entre lingua galega e investigación: a segunda edición de #AsPalabrasDaCiencia2022. Abranguerá entrevistas, reportaxes e actividades de lecer. O obxectivo é achegar as dúas realidades, ciencia e galego, ao público infantil e xuvenil, aínda que tamén ás familias e á comunidade escolar.
A campaña, que se difundirá a través de Internet durante todo o mes de novembro, quere mostrar “o compromiso da institución provincial co mundo científico e a importancia de dinamizar a lingua galega nunha área de tanta referencia social”.
Segundo fai saber a Deputación, o proxecto serve para “abrir unha pequena xanela ao labor de tantas mulleres e homes que traballan ao longo de todo o ano en múltiples disciplinas científicas, e quéreo facer coas nosas palabras, coa nosa lingua, porque en galego tamén se constrúe ciencia”.
A campaña, que contará cunha imaxe gráfica propia, espallará nas redes sociais da institución provincial (Facebook, Twitter e Instagram) contidos que asocian os valores da ciencia co uso do idioma galego. A través deles ofrecerase información sobre centros de referencia na investigación e divulgación e sobre fitos históricos da nosa ciencia. Tamén se incluirán proxectos que se desenvolven na provincia da Coruña e que teñen o apoio da Deputación da Coruña. “A campaña dirixirase ao conxunto da cidadanía e por iso unha parte dos contidos estarán pensados para as persoas máis pequenas da casa”, explicou a Deputación, engadindo que a comunidade internauta será a protagonista e motor principal desta campaña, convidándoa a difundir os contidos que se xeren ao longo de todo o mes para “que cheguen ao maior número de persoas usuarias posíbel”. Entre todas as persoas que colaboren nesta campaña sortearase un telescopio e tres lotes de libros de ciencia en galego.

PUBLICIDADE