A Deputación da Coruña mostra á mocidade como vivificar o galego nas redes sociais

luns, 14 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Comeza a semana grande das Nosas Letras e, como boa parte das galegas e dos galegos saben, a celebración coincide no tempo co Día de Internet, que tamén se celebra o 17 de maio. Por este e por outros motivos, as nosas entidades están a conmemorar a cultura galega cun ollo posto nas redes e nos dispositivos. É o caso da Deputación da Coruña, que deu a coñecer o pasado 12 de maio o seu programa de actividades de celebración para a rapazada da festa dupla do 17. Inclúense obradoiros para uso do galego nas redes (a cargo de María Yáñez especialista en contidos dixitais), proxeccións e charlas, ademais de concertos. Os centros neurálxicos do programa O galego, miña lingua propia son os concellos de Santa Comba, Arzúa, Negreira e Ames.
Segundo fixo saber a Deputación da Coruña, os dous obxectivos básicos da campaña son “promover o uso da lingua galega entre a poboación adolescente e aportarlle referentes cos que valorizar e dignificar o uso do idioma de seu”. O programa de actividades, que pon o foco no alumnado de ensino medio, estase a desenvolver nos centros de ensino dos ditos concellos, a través de profesionais de distintos ámbitos artísticos ou profesionais. A vicepresidenta e responsábel das áreas de Normalización Lingüística e Cultura da entidade provincial, Goretti Sanmartín Rei, salientou a “especial atención do programa a se dirixir á mocidade con experiencias próximas”.
En total, a iniciativa abrangue 91 actividades, subdivididas en 20 modalidades. A intención é “contaxiar ás mozas e mozos da Coruña do prestixio que supón ter unha idioma propio como o galego”. Segundo fixo saber Sanmartín, o programa contempla “un amplo calendario de actividades e relatorios, en que participarán relevantes representantes do mundo da música, o deporte, a escrita, a danza, etc., persoas colaboradoras que, ademais de seren referentes para os mozos e mozas polas súas actividades profesionais, tamén amosaron o seu compromiso coa lingua galega”.
Unha das accións previstas, como dixemos, ten que ver coa necesidade de visualizar e salientar o galego nas comunidades dixitais de meirande uso entre a mocidade. Trátase do obradoiro Mapeando o galego nas redes, desenvolvido pola xornalista e investigadora María Yáñez e cuxo obxectivo é “mostrar a diversidade de contidos en galego que se poden atopar na Rede, tanto na web como nas distintas plataformas sociais e aplicacións móbiles”. Plataformas e aplicacións como blogs, YouTube, Twitter, e Instagram. Comezará a actividade cunha exposición introdutoria na que se mostrarán distintos exemplos de contido publicado nas redes. A continuación pediráselles ás rapazas e rapaces que busquen, anoten e recomenden unha conta ou perfil en cada unha destas redes que lles guste, para faceren entre todas un mapeado de contidos interesantes, que se clasificarán por tema, por franxa de idade, por área xeográfica, etc, anotando as súas características, e reflexionando en grupo sobre esta busca.

PUBLICIDADE