A Deputación de Lugo achega formación online para garantir establecementos seguros

luns, 15 de xuño do 2020 S. P.

A Deputación de Lugo comezou este luns o seu programa de formación en actividades seguras, anti-COVID, para os profesionais e os negocios do comercio, a hostalería e o turismo da provincia. O programa formativo, que se desenvolve de xeito virtual, ten como obxectivo apoiar ás empresas e o seu cadro de persoal na implantación de medidas de prevención e hixiénico-sanitarias, garantindo a comodidade e o benestar do cliente. Conta con 200 participantes, que ao finalizar o plan, recibirán un diploma que os acredita como establecementos seguros.
Esta acción organizada pola Deputación forma parte da campaña En Lugo, Si, que impulsa a institución para favorecer a reactivación dos sectores produtivos dunha maneira “estábel e eficaz ante a crise da COVID-19”.
Esta acción realízase en liña a través de Internet a partir deste luns 15 de xuño.
O programa consta de tres módulos. O primeiro deles chámase Regreso con seguridade e está dirixido pola doutora en Medicina Alicia González Antelo. O segundo titúlase Regreso con intelixencia emocional. Dirixido pola licenciada en Psicoloxía Paloma Moure, está centrado nas pautas de conduta e habilidades sobre as emocións e intelixencia para manexalas con seguridade de cara ao público. O terceiro e último bloque, Regreso e comunicación co cliente, ten como obxectivo comunicar que a actividade está rexida pola seguridade e a confianza sobre as bases da sinceridade e a honestidade. Impárteo a doutora en Comunicación Mar Castro.

PUBLICIDADE