A Deputación de Lugo aproba a disolución da Fundación TIC

martes, 31 de xullo do 2018 Redacción

O pleno da Deputación de Lugo vén de aprobar a disolución da Fundación TIC co obxectivo de que os seus 35 traballadores pasen a formar parte do cadro de persoal da entidade provincial. A corporación acordou tamén a equiparación salarial dos traballadores e a elaboración dun regulamento do servizo «para que traballe a favor dos intereses da provincia» para evitar que o organismo se converta nunha «axencia de comunicación» do goberno provincial.
Esta aprobación é só a primeira parte dun procedemento que completarse cando o padroado da Fundación TIC aprobe a disolución da entidade.
O proceso de integración da Fundación TIC na Deputación de Lugo leva un par de anos en marcha, e busca principalmente a eliminación de duplicidades administrativas, a optimización de recursos e a redución do gasto corrente. Preténdese que se manteña a finalidade do ente, que é o desenvolvemento de actividades dirixidas ao fomento da educación, a investigación e o desenvolvemento das TIC, así como o impulso destas tecnoloxías na provincia de Lugo.

PUBLICIDADE