A Deputación de Lugo clausura o curso do CFA e fai balance de éxitos (premio de Netflix inclusive)

venres, 16 de xuño do 2023 S. P.

O presidente da Deputación en funcións, José Tomé Roca, clausurou este xoves 15 de xuño o curso 2022/23 do Centro de Formación Audiovisual (CFA) coa entrega de diplomas á 19ª promoción de graduados en Realización e Produción. Na gala, que tivo lugar nos xardíns do Centro, Tomé felicitou aos novos graduados e tamén aos estudantes de primeiro de Produción e Realización, encargados de organizar e gravar o acto, inspirada no cinema dos anos 40, que poderá verse íntegra a través das redes sociais do Servizo de Audiovisuais.
José Tomé destacou especialmente dous proxectos levados a cabo polos novos graduados que tiveron proxección fóra da provincia: a curta Amor Viaxeiro, premiada por Netflix e Turespaña, e que se proxectou con moito éxito en FITUR, e o documental No se oye, gañadora do premio á Mellor Curtametraxe Documental na categoría de Escolas de Imaxe e Son no Festival Internacional de Cine de Ponferrada.
O máximo responsábel provincial afirmou que “o éxito destes audiovisuais é a mellor proba de que se sumamos a formación que ofrecemos no noso centro con iniciativa, talento, traballo e constancia poden acadarse grandes obxectivos”, e animou aos novos graduados a que sigan cultivando esas calidades na nova etapa que comezan agora “xa que o mercado laboral no mundo audiovisual é moi esixente e competitivo e require profesionais preparados e con iniciativa”.
Respecto do novo ano académico, o prazo de solicitude para o curso que vén estará aberto ata o 30 de xuño. A mocidade interesada en formarse no CFA xa poden presentar a súa solicitude na web da Deputación ou presencialmente na sede do centro, na rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n.

PUBLICIDADE