A Deputación de Lugo contribúe a afianzar as TIC entre as empresas da Montaña

xoves, 20 de marzo do 2014 Redacción

Onte reuníase o deputado de Xestión Territorial -Manuel Martínez- cos responsábeis dunha das empresas participantes no Reacciona coas TIC, un programa pioneiro en Galicia que a Deputación de Lugo puxo a disposición de todas as PEME e autónomos da provincia para potenciar os seus negocios. Cómpre dicir que este programa -dotado con 200.000 euros financiados nun 80% por fondos europeos- foi aplicado na Montaña de Lugo, na que se atopan 6 das 150 empresas que se beneficiaron deste plan en toda a provincia. As ditas empresas recibiron, de xeito gratuíto, até 200 ferramentas tecnolóxicas encamiñadas a aumentar a súa competitividade e reducir os custos de funcionamento e produción, favorecendo deste xeito a creación de emprego.
Emporiso, logo de reunirse cos responsábeis de Galetec (negocio de enxeñaría e arquitectura de Becerreá), Martínez salientou a importancia de emprestar apoio aos pequenos negocios no eido das TIC, máis no caso das zonas que presentan meirandes atrancos para contar con servizos de Internet, coma no caso dos concellos da Montaña. Asemade, tamén se subliñaron os beneficios doutras iniciativas postas en marcha polo organismo provincial, como a dotación de puntos de acceso Wi-Fi gratuítos nos concellos e prazas públicas, ou o Satelíz@te, que financiou ao 100% a instalación do equipamento preciso para que familias e negocios de zonas de cobertura insuficiente da provincia teñan Internet vía satélite de até 20 Mbps.
E indo ao Reacciona coas TIC, cómpre dicir que até o de agora son 6 empresas da Montaña de Lugo as que poden acceder ao uso de software e formación gratuíta grazas ao organismo provincial e cun custo cero. Engadir que estas actuacións contaron cunha achega de 8.000 euros.
Deste xeito, PEME e autónomos de Cervantes (3); Becerreá (2) e As Nogais (1) -entre as que se atopan ferreterías ou negocios de hostalería ou alimentación- contan xa con diferentes ferramentas tecnolóxicas. Alén disto, o organismo lugués dotou de diferentes solucións informáticas a cada unha destas empresas, achegándolles formación en novas tecnoloxías a empresarios e traballadores en materias como mercadotecnia e redes sociais; xeomercadotecnia; códigos QR; mantemento no tempo de clientes con boletíns electrónicos, ou posicionamento de webs e blogs empresariais.

PUBLICIDADE