A Deputación de Lugo impulsará a transformación tecnolóxica de 52 concellos con 4,5 millóns de investimento

venres, 28 de xullo do 2023 S. P.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este venres 28 de xullo no pazo de San Marcos un convenio de colaboración cos alcaldes e alcaldesas que decidiron sumarse ao proxecto Impulsa TIC, para avanzar na modernización e transformación dixital das entidades locais.
Segundo fixo saber, a de Lugo sitúase á cabeza das institucións provinciais de toda España que recibiron máis fondos desta liña de axudas convocada polo Ministerio de Política Territorial con fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Serán 4,5 millóns de investimento para impulsar a transformación tecnolóxica de 52 concellos, que poderán mellorar os servizos achegados á veciñanza con novas ferramentas de comunicación, información e xestión.
Tomé Roca, quen enmarcou este novo programa no seu compromiso de consolidar a cooperación cos concellos neste mandato, subliñou que as administracións gañarán “proximidade, axilidade e transparencia” cos servizos e equipamentos que a Deputación lles vai facilitar atendendo ás súas necesidades específicas e con criterios obxectivos.
Cos 4,5 millóns de euros deste proxecto, a Deputación liderada por José Tomé leva conseguido dende o ano 2019 un total de 17 millóns de euros de fondos europeos, demostrando “a capacidade das deputacións e os concellos para que estes recursos cheguen de verdade ao territorio e sexan realmente útiles á xente”, dixo.
Tamén destacou que este programa estivo aberto a todos os municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes e puxo en valor que participasen, finalmente, preto do 80% dos concellos que podían facelo.
Asemade, apuntou que “tendo en conta a autonomía municipal, os concellos manifestaron xa cal é a súa situación particular en materia dixital, cal é o seu punto de partida e as súas prioridades, para agora proporcionarlles os recursos máis axeitados a esas necesidades específicas, que distribuiremos dun xeito moi semellante a como o facemos co Plan Único, é dicir, en base a criterios obxectivos”, destacou Tomé Roca, quen engadiu que desta forma “garantimos unha xestión eficaz e transparente dos fondos europeos que recibimos”.
Concretamente, os concellos da provincia adheridos ao Impulsa TIC son: Abadín, Alfoz, Antas de Ulla, Baleira, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Burela, Castroverde, Cervantes, O Corgo, Cospeito, Chantada, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Monforte de Lemos, Monterroso, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Outrol, Pantón, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pobra do Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada, Trabada, Vilalba, Viveiro, Xermade e Xove.
17 millóns de euros de fondos europeos para a cooperación cos concellos
“Hoxe arrancamos un proxecto que contribuirá a mellorar o día a día dos concellos e, polo tanto, a mellorar o día a día dos veciños e veciñas ós que servimos, pero demostra tamén algo que veño defendendo dende hai moito tempo: a capacidade que temos as administracións locais –as deputacións e os concellos- para que os fondos europeos cheguen de verdade ó territorio e sexan realmente útiles á xente”, puxo en valor o presidente. Destacou tamén que con estes 4,5 millóns de euros conseguidos para a transformación dixital dos concellos, “levamos conseguido un total de 17 millóns de euros de fondos da Unión Europea dende o ano 2019, cando asumín por primeira vez a Presidencia desta institución”.
Neste sentido, o presidente destacou que os fondos recibidos neste mandato serviron “para que os concellos poidan aforrar no alumeado público; para fomentar o emprego de mozos e mozas e parados de longa duración; para favorecer a dixitalización das pequenas e medianas empresas; ou para impulsar proxectos que aproveiten a riqueza medioambiental da nosa provincia”. Nese sentido, José Tomé valorou que “fixemos un bo traballo, e por esta liña seguiremos neste novo mandato, optando a todas as convocatorias de fondos europeos ás que sexa posíbel concorrer, para seguir impulsando o progreso social e o progreso económico da nosa provincia”.
O responsábel da sección de Novas Tecnoloxías da Deputación, Nicolás Fariña, explicou brevemente as liñas técnicas sobre a funcionalidade destes fondos e a folla de ruta que desde a institución provincial se seguirá da man dos concellos para desenvolver os proxectos e avanzar na transformación e modernización dixital dos concellos. Nese sentido, avanzou que, xa firmados os convenios, durante o mes de outubro deste ano abrirase un período para que a Deputación licite o subproxecto de cada concello, coa finalidade de poder comezar coa implantación antes de final de ano.

PUBLICIDADE