A Deputación de Lugo ofrece ás súas traballadores e traballadores un plan de formación pioneiro e tecnolóxico

xoves, 11 de febreiro do 2021 Redacción

A Deputación de Lugo anunciou este xoves 11 un ambicioso plan formativo para as empregadas e empregados da institución, un programa “pioneiro en Galicia” e moi centrado nas novas tecnoloxías e en todas as ferramentas que posibilitarán a transformación da entidade cara modelos máis eficientes, sustentábeis e mellor xestionados.
Será unha acción para a promoción horizontal de 321 traballadores provinciais, a metade do equipo humano. “É a primeira vez que se leva a cabo unha formación así na institución e tamén entre as administracións públicas galegas, tanto polas súas características, como polas súas dimensións e alcance”, sinalou o presidente provincial, José Tomé.
O programa terá un obxectivo duplo: “Dar ferramentas ao funcionariado para progresar na súa carreira profesional mellorando as súas competencias e capacidades e, ao mesmo tempo, mellorar o funcionamento da Deputación, a atención aos concellos e á cidadanía, e a prestación dos servizos públicos”, subliñou José Tomé.
O presidente, que compareceu xunto á deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e da deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, subliñou que “é a primeira vez na historia da Deputación que se leva a cabo unha acción deste tipo, pero tamén é pioneira entre as administracións públicas de Galicia, tanto polas características da formación, como polas súas dimensións e alcance”, en tanto que chegará a máis da metade dos traballadores da institución.
Os cursos, que comezarán o vindeiro mércores, 17 de febreiro, prolongaranse ata o mes de maio e contarán con tres niveis, en función dos distintos grupos de clasificación profesional dos funcionarios. Haberá catro módulos que tratarán sobre a propia Deputación, recursos humanos, procedemento administrativo e novas tecnoloxías. Impartiranse 8 edicións dos distintos cursos, que en total suman 320 horas de formación.
Co fin de facilitar a participación, que en todo caso será de carácter voluntario, e co fin de extremar a prevención ante a pandemia da COVID-19, a formación desenvolverase de xeito telemático.

PUBLICIDADE