A Deputación de Lugo pon en marcha unha app para optimizar a experiencia dos turistas nos 67 concellos da provincia

mércores, 30 de outubro do 2019 Redacción

A Deputación de Lugo vén de dar un paso de gran relevancia para o coñecemento (e o recoñecemento) da provincia e dos seus moitos atractivos turísticos nos ámbitos estatal e internacional: a posta en marcha dunha nova aplicación para dispositivos móbiles con cumprida información sobre a paisaxe, a gastronomía e a cultura da provincia, entre outras vertentes de interese. A ferramenta acubilla preto de 2.500 puntos de obrigada visita pertencentes aos 67 concellos lucenses. O obxectivo da Deputación é “atraer máis visitantes e mellorar a súa experiencia na provincia”.
A app foi presentada hoxe na primeira sesión do Consello Provincial de Turismo que se celebra neste mandato, no transcurso da cal certificouse “a idoneidade de apostar polas innovacións tecnolóxicas para mellorar a difusión e acceso á oferta turística”. Así o explicou o presidente da Deputación, José Tomé Roca, que tamén preside o Consello de Turismo: “Poñemos en marcha esta aplicación coa intención de achegar unha información turística atractiva que aumente o número de visitantes e ademais, lles axude a mellorar a súa experiencia na provincia de Lugo”, explicou, engadindo que que esta medida, coma o resto de adoptadas na sesión, realízanse en base ao Plan Estratéxico de Turismo.
Na reunión participaron 24 membros deste organismo posto en marcha pola Deputación para impulsar o sector. Na súa intervención, a deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, salientou as posibilidades e potencialidades da ferramenta móbil, pois “hoxe en día máis da metade dos viaxeiros utilizan as aplicacións para preparar as súas vacacións, e cremos que a dende as administracións temos que apostar por esta nova maneira de entender o turismo”, explicou.
García Porto expuxo o funcionamento desta ferramenta que lles amosa aos visitantes potenciais as singularidades que fan da provincia de Lugo “un destino especial”. Ao seu abeiro, explicou, recóllense preto de 2.500 puntos de interese que van dende elementos patrimoniais, paisaxes ata plans para aproveitar dunha forma máis eficiente a visita, “por iso a aplicación estará nunha renovación permanente en colaboración cos concellos, para achegar a información da maneira máis actualizada”, dixo, engadindo que a app funciona a través da plataforma Inventrip, onde os usuarios poden escoller un itinerario por cada un dos 67 concellos, un xenérico por cada un dos xeodestinos e unha serie de viaxes temáticas. Amais, poderán descargala a través dos sistemas operativos en Android e iOS, ou ben, acceder aos contidos a través de https://inventrip.com/deputaciondelugo/.

PUBLICIDADE