A Deputación de Lugo presenta en Viveiro os seus programas TIC para empresas e terceira idade

luns, 26 de xaneiro do 2015 Redacción

A Deputación de Lugo presentou este luns dúas novas iniciativas de pulo ás novas tecnoloxías da información. As achegas foron dadas a coñecer pola vicepresidenta segunda, Lara Méndez, que estivo en Viveiro para amosar, en primeiro lugar, os servizos de asesoramento e formación tecnolóxico-dixital para PEME e autónomos que fornece de balde o organismo provincial. Segundo fixo saber Lara Méndez, a día de hoxe as novas tecnoloxías son un elemento crucial para que as nosas empresas “sexan máis competitivas e melloren a súa produtividade”. A vicepresidenta tamén lembrou que as TIC “facilitan o funcionamento das PEME, xerando plusvalía”. Estivo acompañada no acto polo Deputado de Economía do Coñecemento, Alfredo Llano, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
Na devandita presentación, Lara Méndez tamén lembrou outras iniciativas que a Deputación porá a disposición de empresas e autónomos en impulso das TIC, tales a creación de tres aplicacións para dispositivos móbiles centradas nos tres sectores estratéxicos da provincia (agroalimentario, forestal e turístico); ou o desenvolvemento de futuras actividades formativas e divulgativas de balde no eido das TIC.
A vicepresidenta presentou estas medidas perante os empresarios e os autónomos locais, e ao remate da xuntanza reuniuse cos participantes de Sempre en Activo, o programa que pon en marcha a Deputación a través da Fundación TIC para potenciar o benestar social e o envellecemento activo para os maiores de 55 anos. Lembrar que o programa dispón arestora de 80 dinamizadores que están a traballar polos concellos de toda a provincia (incluído o de Viveiro), desprazándose ao lugar das actividades (residencias, centros de día, centros socioculturais ou propios fogares) e achegando o material tecnolóxico preciso. En Viveiro a iniciativa colle corpo no centro de maiores da Fundación Caixa Galicia de Viveiro, onde se desenvolven actividades dirixidas a aumentar a autonomía e capacidades cognitivas e funcionais dos maiores, e todo a través de prácticas con programas informáticos, xogos virtuais ou videoconsolas para aumentar a memoria ou a capacidade de atención, manexo de ordenadores, tabletas ou móbiles; consultas en Internet, redes sociais, conexións a través de Skype.

PUBLICIDADE