A Deputación de Lugo presenta en Burela o seu programa de empregabilidade tecnolóxica para a mocidade

martes, 1 de febreiro do 2022 S. P.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou en Burela a nova edición do programa Reiníciate de inserción laboral e formación tecnolóxica e transformadora. Fíxoo este martes 1 de febreiro na compaña do alcalde da localidade, Alfredo Llano. Tratouse dun encontro na Casa do Concello con mozos e mozas da comarca no que tamén participaron asociacións e entidades que poden participar nesta iniciativa, e contouse co influencer de Foz Dani Irimia, encargado da promoción nas redes sociais e nos concellos.
Tomé Roca subliñou que Reiníciate é un programa froito da colaboración da institución provincial e a Escola de Organización Industrial (EOI) e no que invisten máis de 1M€. Amais, dixo, ten como obxectivo “favorecer a inserción no mercado de traballo de máis de 400 mozos e mozas da provincia ofrecéndolles formación gratuíta e prácticas remuneradas en empresas e entidades en profesións con alta demanda vencelladas coas novas tecnoloxías e a dixitalización, que son hoxe en día as que teñen máis demanda e máis futuro”.
Promovido pola Deputación e a EOI, este programa conta cun orzamento total de 1.082.950€, achegados nun 85,9% pola Escola de Organización Industrial a través do Fondo Social Europeo, que supón 930.254,05€. A institución provincial asume o 14,1% restante, o que supón 152.695,95€. O novo proxecto dá continuidade ao Reiníciate: dixitaliza a túa empresa, que tamén puxeron en marcha ambas entidades e que, segundo fixeron saber, “está tendo moi boa acollida entre as empresas da provincia”. Forma parte do Plan de Impulso da Economía da Provincia lanzado pola institución provincial para favorecer a reactivación do tecido produtivo fronte ao impacto da pandemia.
A iniciativa arrancou en xaneiro e ten aínda 230 prazas dispoñíbeis para mozos e mozas de entre 16 e 30 anos e inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil. Inclúe ata tres meses de prácticas non laborais remuneradas. O alumnado poderá completar a súa formación tanto en empresas como en asociacións da provincia cobrando uns 700€ ao mes durante este período.
A formación está dirixida, principalmente, á adquisición de coñecementos e tarefas vencelladas ás novas tecnoloxías, á dixitalización e á administración electrónica. Os contidos das 23 accións centraranse nas ramas de: community manager e mercadotecnia dixital, xestión informática para pemes e asociacións, xestión informática para licitacións públicas, xestión comercial e redes sociais.

PUBLICIDADE