A Deputación de Lugo quere converter o blog de seu nunha das grandes canles informativas da provincia

xoves, 13 de novembro do 2014 Redacción

A Deputación de Lugo anunciou esta semana a remodelación da súa bitácora en liña, blog.deputacionlugo.gal, co obxectivo de reforzar o seu papel como fonte informativa da provincia. De feito, a intención do organismo que preside Xosé Ramón Gómez Besteiro é transformar o blog nunha das principais canles de coñecemento da nosa terra. Logo da renovación, o blog amosa non só unha feitura diferente e máis acorde coas novas correntes de deseño e información transparente e accesíbel, senón que tamén presenta novas funcións (plena integración coas redes sociais, máxima usabilidade), estrutura e contidos. Estes, sinala a Deputación, actualizaranse con máis frecuencia.
Segundo engade o organismo provincial, dende o punto de visual o novo caderno en liña incorpora un deseño responsive, ou sexa que é quen de afacerse aos diferentes dispositivos cos que se pode acceder á Rede para mellorar a experiencia de navegación dos usuarios. Ao fío disto último, a Deputación recorda que arredor da metade dos acceso do último mes ao blog da Deputación levouse a cabo a través de dispositivos móbiles, ben sexa mediante teléfonos intelixentes ou ben mediante tabletas.
“Ademais das diferentes novas sobre a actualidade da Deputación e da provincia”, explican dende a entidade que preside Gómez Besteiro, “o blog incorpora unha axenda de eventos totalmente renovada onde se irán relacionando todas aquelas actividades culturais, accións formativas, convocatorias, charlas e obradoiros que poidan ser de interese para toda a cidadanía e que se actualizará de xeito diario”.
Logo de algo máis de 3 anos de vida, o espazo en liña suma os 900 artigos publicados, en galego como en castelán, de temáticas como novidades, novas tecnoloxías, medio ambiente, cooperación, emprego, así como de curiosidades da provincia ou descricións de lugares, festas e feiras de interese, etc. Entre as cousas que se van incorporar á bitácora ao longo das semanas e os meses vindeiros atópanse as vídeo novas feitas pola Fundación TIC ou diversos acontecementos públicos en streaming, amais de galerías de imaxes e información sobre a provincia. A maiores, a remodelación do caderno servirá para fortalecer a presenza da Deputación nas redes sociais. Lembrar que o organismo provincial é a primeira Deputación de Galicia en número de seguidores en Twitter, 4.750.

PUBLICIDADE