A Deputación de Lugo quere formar a desempregados da provincia en xestión de comunidades dixitais

venres, 5 de maio do 2017 Redacción

A Deputación de Lugo vén de acordar propoñer á Xunta de Galicia a celebración de dúas accións formativas remuneradas para un total de 32 desempregados lucenses, co fin de facilitar a súa inserción laboral. Ambas as dúas accións están dirixidas a mozos menores de 25 anos, ou de 30 nos casos de persoas con capacidades diferentes. Ademais, explicou a entidade que preside Darío Campos, ofrecerán 970 horas de formación, remunerada cuns 700 euros. Estas accións contan tamén co certificado de profesionalidade correspondente. O primeiro dos obradoiros é Interconectando co terceiro sector, co que se busca crear unha intranet dirixida ás entidades sen ánimo de lucro (terceiro sector) e á Deputación de Lugo para establecer unha nova canle de comunicación telemática.
Esta acción inclúe tamén un módulo de xestor de comunidades dixitais (community manager) ou de xestor de redes sociais (social media manager) co que os participantes afonden en novas estratexias de comunicación en liña.
O segundo obradoiro é Oriéntate e coñece Europa, que se dirixe a pór en marcha unha nova plataforma online que facilite entre a cidadanía a procura de emprego. Nela, informou a Deputación, xuntaranse todos os recursos necesarios para a devandita tarefa, como poden ser modelos de currículo, cartas de presentación, como preparar unha entrevista de traballo, ligazóns a paxinas de recursos humanos, portais de emprego, estudos do mercado de traballo ou programas europeos relacionados con emprego. Posteriormente, esta plataforma será incorporada á web provincial www.deputacionlugo.gal; así como a dos concellos que o desexen.

PUBLICIDADE