A Deputación de Lugo reclama á Xunta un plan para que os concellos desenvolvan a rede de telefonía móbil

martes, 29 de marzo do 2022 S. P.

O pleno da Corporación da Deputación de Lugo acordou urxir á Xunta a activar un plan económico para que os concellos poidan afrontar os gastos que traerá consigo a instalación da rede de telefonía móbil que o Goberno autonómico proxecta para 290 entidades de poboación. Na reclamación pídese tamén á Xunta que “asuma directamente estes gastos ou que elabore un plan de axudas específicas para evitar que os municipios teñan que facer fronte coas arcas locais a estes investimentos”. Así o acordou o pleno provincial deste mes de marzo a proposta do PSdeG, cos votos a favor de socialistas e nacionalistas, e a abstención do PP.
O deputado de Cooperación e Asistencia aos concellos, Xosé María Arias, explicou “que o Goberno autonómico ten proxectado a mellora do servizo de telefonía móbil para optimizar a cobertura duns 7.000 habitantes galegos, pero deixando da man dos concellos os custos de levar a acometida eléctrica ás torres de telefonía móbil”. Segundo dixo, “este plan de dixitalización do rural galego e lucense dista moito da realidade, xa que a Xunta agocha que a parte máis gravosa dos traballos vai recaer nos concellos, sendo eles os encargados de atopar as parcelas para instalar as torres de telefonía, ao que se suma que tamén terán que poñer estas parcelas a disposición da Xunta, así como sufragar todos os gastos que xurdan do proceso, tendo en conta que maioría das parcelas estarán situadas en mans privadas”.
Na súa intervención, Xosé María Arias explicou que “a Xunta saca peito de investir 3,7 millóns de euros de fondos públicos para este plan, o que supón 12.700€ para cada núcleo de poboación”, pero incide en que pola súa banda, “o Goberno galego reclama uns gastos aos concellos que poderán supoñer un cargo nas arcas municipais de entre 60.000€ e 200.000€, dependendo do municipio”.
Arias engadiu “que os socialistas están comprometidos coa dotación de servizos básicos para o conxunto da poboación” e, neste caso, “coa necesidade de contar cunha rede de telefonía móbil e de datos de calidade na provincia”, pero evidenciou que “non desta maneira”.

PUBLICIDADE