A Deputación de Lugo volve incluír perfís TIC nos novos postos de Ben Empregado

martes, 30 de maio do 2017 Redacción

A Deputación de Lugo anunciou este luns a achega de 20 novos postos de traballo para todo o ámbito da provincia. A iniciativa artéllase a través do programa Ben Empregado!, que vai pola súa terceira edición, e que se dirixe a impulsar a inserción laboral facendo especial fincapé na xente nova. Entre estes 20 perfís acabados de presentar (e publicados na Bolsa de Emprego da Deputación que se atopa en www.deputacionlugo.gal) hai, como vén sendo costume, presenza TIC. Máis polo miúdo o perfil dun community manager (construción e administración de comunidades en liña arredor dunha marca ou un concepto en Internet e nas redes sociais) para o concello de Vilalba. Na listaxe tamén se inclúe, entre outros, un técnico en publicidade para Lugo.
Volvendo aos novos postos de traballos fornecidos pola entidade provincial, sinalar que están a disposición dos lucenses que se atopen arestora en paro e que se complementan cos 161 que comezaron a traballar esta mesma semana. O prazo para concorrer a eles remata o vindeiro luns, 5 de maio incluído. Para máis información cómpre chamar aos números 982 260 055 e 982 260 106 ou ben poñernos en contacto coa Deputación a través de benempregado3@deputacionlugo.org.
Segundo engade a entidade provincial que preside Darío Campos, con estes 20 novos postos, que se engaden aos 161 que comezan a traballar esta mesma semana, o Executivo provincial está a xerar un total de 181 novos empregos na provincia.

PUBLICIDADE