A Deputación de Ourense contará con 3 millóns para converter a provincia nun territorio de turismo smart

venres, 14 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Fernando Suárez e Manuel Baltar

A entidade estatal Red.es, pertencente ao Ministerio de Economía e Empresa, deu a coñecer este 13 de setembro a selección final de catro proxectos smart galegos para seren financiados a través da convocatoria Destinos Turísticos Intelixentes. Entre estes catro proxectos da nosa terra figura unha ambiciosa iniciativa da Deputación de Ourense, da cal vén de informar en detalle a propia entidade provincial na súa web, ante os medios e a cidadanía. Trátase de Hai un Ourense para ti. Descóbreo, unha iniciativa inserida no programa Provincia Intelixente, Plan Ourense 15.19.
Como sinalamos, Hai un Ourense para ti figurou finalmente entre as propostas elixidas por Red.es, o que significa que a provincia galega vai recibir unha inxección económica de tres millóns de euros (co-financiados aos 60 % polo Estado). A dita contía investirase na creación dunha plataforma integral de turismo intelixente que ofrecerá aos visitantes servizos tecnolóxicos como: un portal web avanzado de información turística; unha aplicación móbil de turismo da provincia; un planificador de rutas baseadas nos gustos dos usuarios; sistemas de Realidade Virtual; solucións de Realidade Aumentada, e experiencias inmersivas 360º con fotografías e vídeo.
Estes e outros datos foron achegados onte polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, e polo director da Área de Transparencia da entidade provincial, Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG). Segundo fixo saber Baltar, o proxecto incluído este ano no programa de incentivos de Red.es converterá Ourense nun “referente turístico” aproveitando o potencial dos recursos provinciais e das tecnoloxías máis vangardistas, engadindo que este recoñecemento “corrobora o traballo de innovación na xestión, realizado pola Deputación no proxecto Provincia Intelixente, colocando á nosa provincia como cumio da vangarda tecnolóxica no referente ás novas formas de xestionar os recursos turísticos”.
Manuel Baltar salientou tamén o traballo realizado por Fernando Suárez para acadar a aprobación “deste proxecto de vangarda tecnolóxica”.
A iniciativa, engadiu, permitirá aos turistas que se acheguen á provincia dispor dun acceso rápido, sinxelo e intuitivo de toda a información de interese dos principais recursos turísticos da provincia (liña Ourense ao teu alcance); de servizos personalizados baixo demanda (liña Sinte Ourense), e terán acceso a experiencias inmersivas (liña Ourense guíate).
Os aspectos clave do proxecto, engadiron Baltar e Suárez, pasan pola integración nun único punto de toda a información turística da provincia de Ourense a través dun modelo tecnolóxico aberto (esquema Open Data) sobre “a que se fomente a participación, o diálogo e a colaboración entre os turistas a través das novas tecnoloxías e as canles dixitais”.
Asemade, salientaron o factor “interoperabilidade”, xa que “a plataforma será quen de obter información de diferentes fontes de datos”; e a potenciación dos turismos accesíbel, activo, termal e cultural, ademais de fomentar o carácter innovador do sector turístico da provincia a través “de solucións TIC punteiras”, explicaron, entre as que se contan a información a gran escala (Big Data), a Realidade Aumentada, a Realidade Virtual, os portais web de potenciación e a mercadotecnia dixital.

PUBLICIDADE