A Deputación de Ourense impulsa un Hospital de Emprendedores con 40 postos de oficina

venres, 15 de maio do 2020 S. P.

A Deputación de Ourense impulsou estes días de urxencia unha iniciativa innovadora para mitigar os efectos da crise sanitaria no novo tecido produtivo provincial: un Hospital de Emprendedores. A iniciativa, cuxas bases foron aprobadas este 14 de maio nun prazo que segundo a Deputación foi “un tempo marca”, ten como obxectivo pór a disposición de pequenas empresas, emprendedores e profesionais que non poidan facer fronte ao pago de alugueres de locais un espazo de balde durante tres meses no Centro Cultural Marcos Valcárcel para que poidan desenvolver o seu traballo sen preocuparse polos gastos de ocupación dun inmóbel para traballar.
A medida, ideada polo presidente Baltar, entrará en vigor o 1 de xuño e permitirá desde esa data habilitar espazos para 40 postos de oficina, cada un dos cales disporá de conexión a Internet e mobiliario básico de oficina, instalado cumprindo a normativa de seguridade referida á prevención da COVID-19.
A asignación dos espazos realizarase “por estrita orde de recepción de solicitudes debidamente complementadas”, as cales poderán presentarse de maneira presencial no Rexistro Xeral da Deputación de Ourense ou de maneira telemática a través da web da institución provincial. Os horarios de apertura do Hospital de Emprendedores" será de 8.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas de luns a venres, entre o 1 de xuño e o 31 de agosto.
A compañía galega R dará apoio tecnolóxico a esta iniciativa para garantir que a conexión a Internet avanzado de alta velocidade por fibra óptica dos usuarios achegue a máxima calidade e efectividade durante o período que permanecerá aberto o centro de emprendemento.

PUBLICIDADE