A Deputación de Pontevedra presenta os detalles TIC de Life Viñas Atlánticas, proxecto de viticultura intelixente

luns, 18 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

O pasado 27 de abril fíxose pública a plataforma do Sistema Integrado de Control para a Optimización Ambiental (SICOM) desenvolvida ao abeiro do Life Viñas Atlánticas, segundo os seus responsábeis o primeiro proxecto de viticultura intelixente de toda España. O acto, que se levou a cabo no Auditorio de Ribadumia, contou coa presenza do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e máis do conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández. Tamén participaron na cita, activamente, os presidentes das tres adegas directamente implicadas (Condes de Albarei, Martín Códax e Paco & Lola). Á cita tamén acudiron preto de 600 socios das tres cooperativas vitivinícolas e representantes de outras institucións.
No transcurso do evento, levouse a cabo unha exposición técnica ao detalle do proxecto, contándose para isto coa intervención de Ruth González, coordinadora do mesmo, e de Amancio Varela, director do servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra. Viñas Atlánticas, informaron, parte duns obxectivos iniciais baseados na creación dun sistema de xestión medioambiental que axude ao desenvolvemento sustentábel da actividade vitivinícola, mediante a protección da biodiversidade, a redución de emisións de carbono e a explotación sostíbel.
Para Ruth González, estamos ante unha iniciativa innovadora e de investigación que, grazas ao traballo desenvolvido por tódolos axentes implicados, converteuse no primeiro proxecto de viticultura intelixente de España, “xa que se cinguen os métodos de traballo tradicional no sector do viño coas novas tecnoloxías, aproveitando os datos que se producen decote durante a campaña vitícola e xerando así información nova que permite mellorar a xestión e a sustentabilidade económica e ambiental das adegas e viticultores integrados no proxecto, facéndoos máis competitivos”. De feito, conséguese aumentar a calidade da produción e da contorna natural, grazas á participación de tódolos explotadores.
Viñas Atlánticas está dividido en tres partes: unha rede meteorolóxica, un modelo matemático que establece niveis de risco de aparición do mildiu en función de condicións meteorolóxicas e do estado da viña; e unha plataforma de xestión onde o viticultor poderá consultar o risco das súas parcelas e que servirá como sistema de información dos datos xerados durante toda a campaña, incluíndo un libro de explotación dixital. Ao fío disto, o responsábel de novas tecnoloxías da Deputación, Amancio Varela, apuntou que “o carácter tecnolóxico do proxecto, grazas ao emprego dunha rede sensorial (WSN) combinada cunha rede de estacións meteorolóxicas e a plataforma de xestión na que se están a formar os 1.064 socios das tres cooperativas do proxecto”.

PUBLICIDADE