A Deputación de Pontevedra impartirá un curso de iniciación á informática en Ponte Caldelas

luns, 17 de setembro do 2012 Raquel Noya

Os mozos e mozas de Ponte Caldelas, de entre 16 e 35 anos, que arestora se atopen en situación de desemprego, poderán ocupar o seu tempo libre formándose no uso básico do ordenador e os seus periféricos, grazas a un curso que a Deputación de Pontevedra, no marco do seu programa Actívate, vai impartir de balde nesta localidade.
Trátase dunha actividade formativa que se levará a cabo no mes de outubro nas instalacións do Concello en Chan da Barcia, á que poderán acudir un total de 20 alumnos e alumnas da zona.
O temario recolle un total de 36 horas lectivas dedicadas integramente á informática, as necesarias para que as persoas asistentes adquiran uns coñecementos mínimos para desenvolverse con algúns programas básicos, e aprendan a navegar por Internet.
A maiores, destinaranse 4 horas a módulos de orientación laboral, que lles servirán aos alumnos e alumnas para aprender a buscar emprego, a elaborar un currículum...
O concello de Ponte Caldelas fixo público o anuncio a través do seu servizo de mensaxería vía móbil e Internet, e no mesmo indica que existe a posibilidade de elaborar unha lista de reserva para persoas maiores de 35 anos interesadas en cursar a actividade.
O prazo de presentación de solicitudes, a realizar na casa do Concello, remata o vindeiro 20 de setembro.

PUBLICIDADE