A Deputación de Pontevedra achegará rede Wi-Fi para convidados no consistorio da Guarda

luns, 30 de marzo do 2015 Redacción

Fachada da Casa dos Alonso nunha imaxe de Infogauda

A Deputación de Pontevedra acolleu o pasado venres na súa Xunta de Goberno mellorar as infraestruturas e equipamentos de climatización e telecomunicacións da Casa dos Alonso da Guarda, recentemente rehabilitada como edificio consistorial. Segundo fixo saber o organismo provincial reflectindo o acordado no consello, vanse destinar 163.546 euros do Plan Provincial de Obras e Servizos de 2015 (PPOS) á compra e instalación de novos equipamentos de climatización que garantan un mellor aforro e eficiencia enerxética en todas as dependencias do edificio guardés.
No tocante ás telecomunicacións o proxecto aprobado tamén inclúe a instalación dunha rede Wi-Fi para convidados. Segundo explica a Deputación, “ampliarase a rede de datos para evitar perdas na comunicación telemática e habilitarase un sistema de alimentación (SAI) que garanta o servizo en caso de fallo na subministración”.

PUBLICIDADE