A Deputación de Pontevedra duplica a media estatal en recuperación de RAEE

xoves, 16 de febreiro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra converteuse esta semana en referente galego e estatal no tratamento sustentábel de refugallos RAEE (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos). Máis concretamente, a institución foi destacada como “exemplo de boas prácticas” en materia RAEE durante o transcurso dunha xornada sobre a xestión deste tipo de dispositivos e electrodomésticos celebrada en Vilagarcía. En termos máis concretos, foi quen de duplicar a media española en recuperación de aparellos a través de nove puntos limpos espallados pola provincia.
Na xornada mostráronse as conclusións do proxecto europeo de Estratexia Sustentábel Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (ESTRAEE), que a Deputación lidera desde 2018, xunto a socios de España e Portugal.
ESTRAEE, que contou cun financiamento de 2,15 millóns de euros, procedentes do FEDER nun 75% do Programa de Cooperación Transfronteiriza entre España e Portugal (POCTEP), tiña como obxectivo mellorar a xestión e recollida de residuos eléctricos e electrónicos, así como impulsar a xeración de emprego.
Na cita participou a presidenta provincial Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e o director da Associação de Municípios para Gestão Sustentável de Resíduos do Grande Porto (LIPOR), Fernando Leite.
No transcurso da xornada Silva quixo mostrar o seu “orgullo e agradecemento” aos nove puntos limpos que participaron no proxecto ESTRAEE (Gondomar, A Guarda, A Lama, Meaño, Nigrán, Ponteareas, Silleda, Vilagarcía de Arousa e Mancomunidade do Morrazo), que dan servizo a preto de 200.000 habitantes, por recuperar máis de 1.685 toneladas de residuos eléctricos e electrónicos desde 2019, equivalente a máis de 2,4 kg por habitante e por ano. “Duplicamos a media española, que é de 1,45 kg/habitante, e incluso triplicamos a media galega, que se atopa en 0,84 kg. Sentídevos orgullosas e orgullosos do traballo desenvolvido, dun traballo moi ben feito”, subliñou a presidenta.
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, lembrou a necesidade de”traballar para respectar e coidar os recursos naturais, para garantir que cheguen ás xeracións futuras en condicións óptimas, algo para o que estamos traballando nos municipios, se ben moitas veces sobran intencións e faltan recursos técnicos e económicos”. Por iso, remarcou a importancia de proxectos como o ESTRAEE, que permitiu mellorar o punto limpo de Vilagarcía, “un dos primeiros que existiron en Galicia”, ademais de crear outro centro de recollida de RAEE para pequenos aparellos, actuacións que se completaron coa adquisición de puntos limpos móbiles.
Segundo recordou, en 2022 recolléronse no punto limpo de Vilagarcía 27,3 toneladas de residuos RAEE, 10,2 de pequenos aparellos e outros 17 de televisión, pantallas LED e elementos semellantes. “Para nós foi un reto de xestión, que fixo preciso ampliar as instalacións, adaptalas ás novas e numerosas categorizacións dos residuos, mellorar as infraestruturas e o sistema de almacenamento e seguridade dos materiais contaminantes e adaptalas aos estándares de calidade e aos cambios lexislativos correspondentes. Puxemos todo o que puidemos e, ademais, quero agradecer a sensibilidade e colaboración da Deputación”.
Pola súa parte, o director de LIPOR, Fernando Leite, explicou como a asociación lusa introduciu a xestión de residuos na cadea de valor a través de prácticas innovadoras. “ESTRAEE permitiunos potenciar moito máis as prácticas de prevención de residuos, que constitúe o piar do modelo de xestión sustentábel de recursos de LIPOR”. Desta maneira, nos 9 “ecocentros” (puntos limpos) nos que se actuou en Portugal reparáronse e reutilizáronse 8 toneladas de equipos desde 2020, que tiñan o potencial de emitir 22,2 toneladas de emisións de CO2. En total, foron 640 as toneladas de RAEE recollleitadas. O presidente do Consello de Administración de LIPOR e presidente da Cámara Municipal de Valongo, José Manuel Ribeiro, que interveu a través de vídeo, lembrou que o “nivel de produción de equipamentos eléctricos e electrónicos é un dos maiores desafíos globais en materia de sustentabilidade” pois, sen unha correcta xestión, “levan asociados importantes riscos para o medio ambiente e a saúde pública”. Por iso considera vital o labor realizado a través do ESTRAEE, que lles permitiu “dar importantes pasos na xestión municipal deste residuos, promovendo ademais unha maior circularidade”.

PUBLICIDADE