A Deputación de Pontevedra e o Consello de Contas verifican o nivel de protección en liña da institución provincial

mércores, 13 de setembro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra e o Consello de Contas colaboran no desenvolvemento dunha auditoría de ciberseguridade da institución provincial encamiñada a analizar o seu estado de seguridade informática así como o grao de eficacia dos seus Controis Básicos de Ciberseguridade (CBCS).
O deputado de Asistencia aos Concellos, Transparencia e Administración Xeral, Jesús Vázquez Almuíña, mantivo xunto a técnicos da Deputación un encontro institucional con Simón Rego, conselleiro responsábel da área de Corporacións Locais e Fiscalización, como paso previo ao arranque deste proceso no que se verificarán os elementos informáticos que a institución provincial ten en marcha para protexerse das ciberameazas.
Esta iniciativa enmárcase no plan de auditorías que o Consello está a abordar nas catro deputacións provinciais, para avaliar e comprobar a situación dos controis básicos de ciberseguridade destas institucións. Ao abeiro deste traballo, o Consello de Contas analizará nos próximos dous meses diversos ámbitos sobre os sistemas de información, afondando no deseño e a eficacia operativa dos controis básicos de seguridade informática para identificar, no seu caso, posíbeis eivas que poidan afectar á confidencialidade, a integridade, a dispoñibilidade, a autenticidade e a rastrexabilidade dos dato.
No proceso, a Deputación aportará a información sobre o inventario e control de dispositivos físicos; organigrama; o diagrama de rede e a estrutura documental existente. A auditoría examinará, entre outras cuestións, as configuracións seguras do software e hardware de dispositivos móbiles, portátiles, equipos de sobremesa e servidores; o rexistro da actividade dos usuarios; copias de seguridade de datos e sistemas e o cumprimento normativo.

PUBLICIDADE