A Deputación de Pontevedra enxalza o carácter único e pioneiro da rede SmartPEME

mércores, 17 de xuño do 2020 S. P.

A nova sede en Vigo da rede SmartPEME, a rede de capacitación tecnolóxica das empresas, os profesionais e os autónomos da provincia, recibiu este mércores 17 a visita da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen acudiu xunto coa deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías. Xuntas enxalzaron o programa SmartPEME da entidade provincial, unha fonte de “grandes beneficios para a sociedade” e unha iniciativa única en Galicia, sinalaron, ao tempo que fixeron fincapé na súa capacidade para introducir todos os elementos TIC nas pequenas e medianas empresas e nas actividades que realizan autónomas e autónomos.
Durante a visita, a presidenta provincial informou que cada ano aumenta a utilidade do programa de SmartPEME: “En 2020 temos dous servizos novos, un dedicado ao comercio e outro ao terceiro sector".
En canto ao comercio, a Deputación está traballando no proxecto de aceleradoras, facendo un seguimento para que as 10 empresas seleccionadas poidan acabar este proceso “sendo moito máis potentes e tendo un proxecto moi ligado ás TIC”, subliñou a presidenta.
No que ten que ver coa promoción da economía social, do terceiro sector, Carmela Silva destacou que “estamos a traballar para que ninguén quede atrás, o terceiro sector está a desenvolver proxectos moi potentes e queremos axudar para que dean ese salto cara á internacionalización e competitividade, creando máis negocios e polo tanto xerando máis emprego”.
Balance de actividades
En canto aos datos concretos da sede de Vigo dende o ano 2016 realizáronse 1.526 asesoramentos a 933 empresas e 243 obradoiros aos que asistiron preto de 2.000 persoas. Ademais, durante o plan de continxencia COVID fixéronse 202 asesoramentos a 123 empresas e, en canto a TurisTIC realizáronse 65 asesoramentos a 53 empresas.

PUBLICIDADE