A Deputación de Pontevedra fornece cunha nova web ao tecido asociativo do deporte

mércores, 19 de abril do 2017 Redacción

A Deputación de Pontevedra vén de pór en marcha unha nova ferramenta de comunicación dixital co tecido asociativo do deporte na provincia. Trátase de da páxina web Depo Informa, unha base de datos de clubs deportivos a través da cal todas as entidades poderán transmitir e recadar información en tempo real de asuntos relevantes para o devandito tecido asociativo, como por exemplo liñas de axudas ou subvencións, entre outros.
Para poñelas ao tanto das vantaxes da ferramenta, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, remitiu nos últimos días unha serie de cartas destinadas ás asociacións, clubs e demais entidades acerca de Depo Informa. Este novo servizo en liña, sinalou, ten como obxectivo extra fomentar e facilitar as súas relacións administrativas coa entidade que preside.
A posta en marcha de Depo Informa é unha das iniciativas contempladas no Plan Estratéxico do Deporte 2017-2020. A web, explica a Deputación, nace como “un centro de consulta e información dixital, un novo mecanismo de comunicación no que poder contar cunha ampla variedade de información de interese”. As entidades interesadas poderán inscribirse cubrindo o formulario de adhesión que se pode atopar na propia ligazón da web.

PUBLICIDADE