A Deputación de Pontevedra inicia o ano con múltiples obradoiros TIC ao abeiro de SmartPEME

mércores, 4 de xaneiro do 2017 Redacción

Segue a coller folgos co inicio do ano a iniciativa SmartPEME, a resposta da Deputación de Pontevedra para levar eficazmente formación TIC aos empresarios, profesionais e autónomos da provincia. Segundo vén de informar a entidade que preside Carmela Silva, ao abeiro de SmartPEME vanse desenvolver seis cursos en xaneiro no Centro Exposalnés de Cambados, outros tantos en Pontevedra e unha vintena na contorna de Vigo (Vigo, Ponteareas e Porriño). Os obradoiros xirarán arredor de cuestións como a mercadotecnia en liña, a imaxe dixital para recursos nas redes sociais ou o desenvolvemento web, entre outros moitos temas de utilidade (e actualidade). Como lembraremos, SmartPEME, a través das súas seis sedes, ofértalles ás persoas emprendedoras e PEME da provinicia servizos de información, asesoramento e acompañamento TIC.
No que atinxe a Cambados, as quendas para o mes de xaneiro, todas elas en horario de 19:00 horas, son as seguintes: o mércores 11 de xaneiro, Desenvolve a túa propia estratexia de e-mail márketing. O 17 impartirase Fotografía os teus produtos ou servizos para as redes sociais. O xoves desa mesma semana, o 19, A túa páxina web en menos de 90 minutos, ao que lle seguirá, o mércores 25, Redes sociais para a empresa: é Twitter a túa solución? e Como facer unha campaña de éxito de publicidade en Google?, o venres 27. Xa por último, o martes 31 de xaneiro, desenvolverase o obradoiro Promove o teu perfil en Facebook con aplicacións externas. A oficina SmartPEME de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no paseo da Calzada, s/n.
No que respecta a Pontevedra, os seis talleres que se van desenvolver no edificio administrativo da Deputación son que citamos decontado: o xoves 12 de xaneiro, Como ser eficiente na organización do teu tempo: Evernote. O mércores 18, Imos chamar á porta da túa clientela. Posicionamento SEO e, tamén esa semana, Promove o teu negocio: mercadotecnia sectorial, viral e e-mail, o venres 20. A seguinte quenda é o martes 24, con Plataformas online para crear a túa web de comercio electrónico, que dará paso a Fotografía e vídeo para establecementos de turismo, o xoves 26. Pechando as accións do mes, o luns 30, desenvolverase o obradoiro Recursos e ferramentas TIC para o teu negocio. A oficina SmartPEME de Pontevedra, no edificio administrativo da Deputación, atópase na avenida de Montero Ríos, s/n.
No que atinxe ás actividades de Vigo, son as seguintes: o martes 10, Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais, seguido de Comercializa os teus servizos a través das redes sociais, o xoves 12. A seguinte semana desenvolveranse Xestión da túa empresa: facturación e ferramentas integradas, o luns 16, e Fotografía e vídeo para establecementos de turismo, o xoves 19. Despois, o mércores 25 terá lugar A túa páxina web con WordPress (continuación) e, para rematar, Como utilizar Instagram para promover a túa empresa, o martes 31. A oficina SmartPeme de Vigo, na sede da Deputación da cidade, atópase na rúa Oporto, 3.
A oficina de Ponteareas acollerá os seguintes obradoiros: o mércores 11 de xaneiro, Unifica a xestión das túas redes sociais con Hootsuite. O luns 16 será a quenda de Desenvolve a túa propia estratexia de e-mail márketing, que dará paso, o mércores 18, a Rendibiliza o teu perfil profesional en redes sociais. O martes 24 de xaneiro seguiralle Fotografía con smartphone: PIXLR para Android e iOS, o xoves 26 desenvolverase Como mellorar a percepción da túa clientela cos teus e-mails e, por último, o luns 30 terá lugar Google Analytics: interpretación dos datos e tomas de decisións. A oficina SmartPEME de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, 5.
Por último, a oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: o martes 10 de xaneiro, Promove o teu perfil en Facebook con aplicacións externas e, dous días despois, o xoves 12, Google Analytics: interpretación dos datos e tomas de decisións. Pola súa banda, Xestión da túa empresa: facturación e ferramentas integradas desenvolverase o mércores 18 de xaneiro, ao que lle seguirá Unifica a xestión das túas redes sociais con Hootsuite, o venres 20. A seguinte semana, o mércores 25, desenvolverase Emprego de vídeos nas redes sociais: YouTube, Periscope…. A última quenda será a de Fotografía e vídeo para establecementos de turismo, o martes 31. A oficina SmartPEME do Porriño, no multicentro do Concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
Todas as actividades, tanto as de Ponteareas coma as do Porriño e as de Vigo, desenvolveranse a partir das 19:00 horas. As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na web smartpeme.depo.es.
A iniciativa SmartPEME, como lembraremos, conta con oficinas no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo. Dende estes centros están a desenvolverse as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial das persoas asesoras en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, o impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE