A Deputación de Pontevedra presenta Move, unha rede de comercio polo miúdo para 20 dos seus concellos

luns, 15 de xaneiro do 2024 S. P.

Este 15 de xaneiro celebrouse a xuntanza á que estaban convidados 20 concellos da provincia de Pontevedra, participantes nos proxectos financiados con fondos europeos Da túa man, un encontro ao que tamén acudiron o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López e o vicepresidente segundo Rafa Domínguez.
Máis en detalle os concellos que participaron neste proxecto Da túa man, clasificáronse en Rural I (Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Rodeiro e Pontecesures) e Da túa man, Rural II (A Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Moraña, Oia e Pazos de Borbén).
A dita reunión tiña como finalidade presentarlles a plataforma entre negocios que se porá en marcha nos vindeiros meses ao abeiro de ambos os programas, así como os vindeiros pasos que se darán para a súa implantación.
Emporiso, o mandatario provincial agradeceu aos representantes municipais a súa participación nestes proxectos “cos que buscamos que o comercio de proximidade teña máis capacidade para inxectar emprego, riqueza e prosperidade no conxunto de Pontevedra, algo que é vital tanto para manter poboación no rural como para atraer a visitantes”. Amais, fixo fincapé na importancia da “implicación de todos os concellos, para conseguir que sexa un éxito e que esta nova plataforma sirva para darlle vida ao comercio local”.
Baixo o nome de Move, esta rede de comercio polo miúdo permitirá poñer en contacto a comerciantes e produtores locais, co fin de visibilizar e modernizar o pequeno comercio local, adaptándoo aos novos hábitos de consumo para favorecer a empregabilidade e permanencia dos veciños no territorio. Constará de dúas partes: unha pública, na que se poderán ver vídeo-experiencias dos comerciantes de cada concello. E outra interna, á que poderán acceder os comerciantes e provedores locais, coa finalidade de fomentar as relacións entre eles. Tamén se configurará como unha comunidade de aprendizaxe, con varias oportunidades de formación. Engadir que nos vindeiros meses, levarase a cabo un inventario de produtores e provedores, así como a captación de participantes, que se realizará fisicamente nas feiras e comercios de cada un dos concellos participantes, estando previsto que a plataforma estea en marcha en xuño.

PUBLICIDADE