A Deputación de Pontevedra prorroga por dous anos máis o contrato con Iberbanda

xoves, 10 de marzo do 2016 Redacción

A Deputación de Pontevedra anunciou estes días que vén de prorrogar por dous anos máis o seu contrato coa compañía Iberbanda, que como lembraremos é a responsábel da explotación da Rede Pontevedra Banda Larga Rural (REPOBLAR). Segundo recorda o organismo provincial que preside Carmela Silva, a rede WiMAX da Deputación (impulsada pola institución pontevedresa grazas ao cofinanciamento do 70 % con fondos FEDER da Unión Europea), ten por obxectivo dotar de banda larga sen fíos ás zonas rurais da provincia, e todo a prezo accesíbeis. O proxecto europeo REPOBLAR, que conta cun orzamento de 6.693.868,53 euros, abrangue 55 concellos da provincia (agás Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, A Estrada, Marín, Redondela e Cangas, que non se adheriron).
Segundo informa a Deputación a rede explotada por Iberbanda desde hai catro anos fornece cobertura ao 99 % da poboación dos 55 concellos, un total de 7.760 clientes. A compañía de telecomunicacións, durante dous anos máis, encargarase de subministrar, explotar e manter a infraestrutura e o servizo (asumindo os custes de conservación, amaño e ampliación precisos para “a correcta prestación do mesmo”). Iberbanda tamén proseguirá asumindo labores de comercialización e de xestión dos contratos de alta, baixa ou modificación, facturación, atención e soporte aos clientes e a correcta prestación do servizo.
Segundo conclúe a Deputación facendo referencia a novas vantaxes para os usuarios, a través desta prórroga de dous anos o organismo provincial conseguiu que Iberbanda oferte, sen ningún custo asociado e coas mesmas condicións de servizo e calidade, unha mellora no prezo do servizo de 2 Mbps, pasando dos 41,14 euros mensuais que pagaban os clientes aos 30,25 € (IVE incluído).

PUBLICIDADE