A Deputación de Pontevedra quere achegar a rede CPAE ás “necesidades reais” das PEME

xoves, 28 de xaneiro do 2016 Redacción

Buscar xeitos de tirar o máximo partido do potencial da rede de centros CPAE 2.0 da Deputación de Pontevedra. Esta foi a finalidade da xuntanza mantida este mércores por representantes da entidade e do tecido empresarial da provincia. Na reunión participou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen reiterou o seu compromiso de crear “unha administración que responda ao reto da sociedade”. Entre estes retos, sinalou, atópase o de “medrar economicamente”, e para facelo é imprescindíbel capacitarnos no dixital e no tecnolóxico. Na súa opinión, a rede CPAE 2.0, presente en seis localidades (Lalín, Cambados, Pontevedra, Vigo, Ponteareas e O Porriño), é e debe seguir sendo unha iniciativa para adquirirmos a dita formación.
Amais de Carmela Silva, acudiron ao pazo provincial representantes de AJE Pontevedra, APE Galicia, OPA Galicia, AGTAMAR-UPTA, ATA, AEMPE, Executivas Galicia e AUGA, que valoraron “moi positivamente a posta en marcha de reunións, coma a de hoxe, para afondar na colaboración entre asociacións empresariais e a Deputación de Pontevedra”. Este encontro cos axentes empresariais serviu primeiro para dar a coñecer o CPAE 2.0, unha rede que lle presta un servizo de información a PEME da contorna e ten por obxectivo potenciar o desenvolvemento económico da provincia a través das novas tecnoloxías, aumentar a produtividade, introducir a innovación, facilitar a implantación do comercio electrónico e impulsar a venda en liña.
Carmela Silva engadiu que “tal e como estaba configurado, o CPAE 2.0 non respondía á demanda e necesidade das PEME e autónomos da provincia de Pontevedra". Por iso, “co obxectivo de optimizalo e dar resposta ás ditos requirimentos”, a Deputación de Pontevedra puxo en marcha o encontro desta semana, que serviu polo tanto para recoller as opinións dos usuarios potenciais e dar forma a unha rede CPAE que “sume sinerxías, achegue espazos de diálogo e impulse procesos de internacionalización, tan necesarios no mundo globalizado no que vivimos”, comentou a presidenta, que tamén engadiu que amais de optimizar o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial, “estamos impulsando dous espazos de coworking, en Barro-Meis e Lalín, mellorando as bolsas de estudantes universitarios e de formación profesional, e impulsando un plan de actuación turística, que queremos desenvolver coa colaboración dos 62 concellos da provincia, pero tamén co sector empresarial, para conseguir impulsar a provincia de Pontevedra".

PUBLICIDADE