A Deputación de Pontevedra quere afinar tecnoloxías para impulsar o turismo

luns, 9 de xaneiro do 2017 Redacción

A Deputación de Pontevedra vai facer fincapé nas novas tecnoloxías para a súa actividade vindeira en materia de promoción turística. Así o vén de acordar a xunta de Goberno da entidade provincial, que aprobou o expediente para a contratación con procedemento aberto do servizo de recadación do Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2017-2020. Este, dotado cun orzamento de 78.650 euros, forma parte dunha estratexia que en palabras da Deputación é, ante todo, “unha nova forma de facer política turística, máis e mellor planificada e con meirandes recursos para que o sector privado e o público traballen da man”. Segundo fixo saber a presidenta da entidade provincial, Carmela Silva, as empresas que se presenten ao concurso para a redacción do dito plan deberán realizar un diagnóstico exhaustivo da situación actual do sector turístico da provincia. Inclúese neste punto, entre outras moitas cousas, unha enquisa en liña para tomarlle o pulso ás empresas do sector e unha análise pormenorizada da contorna tecnolóxica e as canles de mercadotecnia máis eficientes.
Máis en detalle, as firmas terán que realizar un traballo de campo co sector privado, coñecer as súas necesidades e expectativas, realizar entrevistas personalizadas coas asociacións turísticas da provincia e con 40 empresas como mínimo dos diferentes sectores asociados á oferta turística, así como unha enquisa dixital a unha mostra representativa das empresas do sector e a organización de, ó menos, unha mesa de traballo en cada comarca.
Igualmente, terán que analizar as características da demanda turística, da oferta e infraestruturas e dos servizos turísticos, así como da competencia e da cadea de valor. Amais realizarán tamén unha análise da xestión da información e dos recursos para atraer turistas e asegurar o seu regreso; estudarase o entorno social, económico ou tecnolóxico que pode influír no desenvolvemento turístico; as canles de distribución comercial e promocional e todos os axentes que teñen relevancia en materia turística, para o que se elaborará unha ficha específica individual con información sobre a súa influencia; a canle de comunicación máis eficiente; as tendencias actuais en ámbitos semellantes á provincia de Pontevedra; o diagnóstico global do destino e os aspectos a ter en conta na definición do modelo turístico da provincia.

PUBLICIDADE