A Deputación de Pontevedra rematou o proceso de implantación da eAdministración en 54 concellos

martes, 5 de decembro do 2017 Redacción

A Deputación de Pontevedra vén de tomarlle o pulso ao seu proxecto para estender a Administración Electrónica nos concellos da provincia, unha iniciativa da que falamos hai un ano en Código Cero con motivo da súa presentación. Agora, o exame e os principais resultados do mesmo foron dados a coñecer pola presidenta da entidade, Carmela Silva, quen salientou o remate do proceso de implantación en 54 concellos, que coinciden precisamente co número de administracións locais que solicitaran adherirse ao programa. Arestora, indicou, a Deputación está mergullada na integración e posta en marcha deste servizo nas entidades locais menores. Segundo engadiu, a orixe desta iniciativa está na necesidade de contribuír a que os concellos desen total cumprimento á Lei 39/2015 de procedemento administrativo común das administracións públicas.
Como resultado destes traballos, as 54 administracións locais da provincia xa poden prestar servizos a través da plataforma electrónica, facilitando os trámites a moitas cidadás e cidadáns. Durante este proceso de implantación, tal e como informou a presidenta provincial, a institución achegou formación a preto de 2.200 empregadas e empregados públicos e a preto de 725 cargos públicos.
Respecto dos traballos que se van desenvolver nas entidades menores, Silva fixo saber que en Chenlo, O Porriño, xa se implantou o servizo e en breve se iniciará en Bembrive (Vigo) e Camposancos (A Guarda). Nas cinco entidades locais menores restantes da provincia de Pontevedra (Arcos da Condesa, en Caldas de Reis; Morgadáns, en Gondomar; Pazos de Reis, en Tui e Queimadelos e Vilasobroso en Mondariz) iniciarase o proceso de Administración Electrónica en función da demanda.
En total, a Deputación de Pontevedra está a investir neste proxecto 800.000 euros, un orzamento e uns obxectivos que, segundo explicou Silva, convértena en pioneira a nivel galego, “ao ser a primeira e única administración en habilitar un proxecto e recursos para axudar aos concellos e entidades menores a facer fronte á Lei 39/2015 e abordar con éxito a súa transformación dixital”.

PUBLICIDADE