A Deputación de Pontevedra xa atendeu a máis de 200 empresas a través de SmartPEME

xoves, 15 de setembro do 2016 Redacción

A Deputación de Pontevedra está a presentar en diferentes puntos da provincia a súa iniciativa SmartPEME, renovador (e innovador) programa de orientación tecnolóxica-dixital dirixida a PEME, autónomos e persoas emprendedoras. Este 22 de setembro, sen ir máis lonxe, daranse a coñecer as actividades de SmartPEME en Vigo e para ir poñéndonos en situación a entidade provincial que preside Carmela Silva lembra que SmartPEME é, ante todo, a nova vida da antiga rede CPAE 2.0 posta en marcha polo anterior equipo de goberno. Ademais, recorda que durante a súa aínda breve andaina xa foi quen de atender (dende o pasado mes de xuño) a máis de 200 pequenas e medianas empresas da provincia de Pontevedra.
Tamén fai saber que SmartPEME é, amais dun programa de formación e asesoramento, unha rede constituída por seis centros atendidos por técnicos TIC con sedes en Lalín, Cambados, Vigo, Pontevedra, Ponteareas e Porriño
Estes e outros datos foron achegados este martes pola propia Carmela Silva, que engadiu que ao longo dos devanditos tres meses, SmartPEME realizou e resolveu 301 asesoramentos de 211 empresas. Ademais, os seus técnicos desenvolveron 58 eventos de capacitación TIC aos cales asistiron 439 persoas.
As cifras, con todo, non quedan no devandito. De feito, se temos en conta que SmartPEME xa leva un ano dando sinais de actividade (solapándose ao antigo CPAE 2.0), o treito temporal a resumir sería aínda máis longo e, con isto, achegaríanse os seguintes números: 2.972 asesoramentos para 1.559 empresas, ademais de 872 eventos con 3.894 asistentes. “Isto”, explicou este martes Carmela Silva, “supón unha subida do 50% en canto a empresas atendidas, ademais de superar a barreira das 1.500 empresas atendidas, cun 60% máis de asesoramentos resoltos, estando preto dos 3.000”. Segundo fixo saber a presidenta, as persoas asistentes medraron nun 43% no último ano, agardando que no mes de setembro cheguen ás 4.000.
Carmela Silva avanzou ademais a celebración, o 22 de setembro, da devandita xornada de presentación de SmartPEME en Vigo, a partir das 10:00 horas no antigo Reitorado da Universidade. A xornada contará coa presenza do experto en estratexia dixital Luis Ferrándiz, de KPMG Asesores.
Máis sobre SmartPEME
Trátase “dun novo modelo de servizo” orientado á mellora competitiva das PEME e autónomos e, tamén, á procura dun pulo nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas. A idea, sinala a Deputación, “é abrir novos eidos de actuación e abranguer novos grupos de interese coma os e as emprendedoras, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos”. Nas oficinas do programa no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo poranse en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
A maiores do devandito, preténdese que a colaboración cos concellos sexa “máis estreita”, entre outras cousas porque “o proxecto ofértase como un servizo propio dos municipios, para que sexan eles os que presten o asesoramento e impulsen ás empresas, persoas autónomas e emprendedoras”.

PUBLICIDADE