A Deputación e a Fundación TIC envorcan esforzos no pulo e promoción do Desafío Volta a Lugo

luns, 17 de abril do 2017 Redacción

A Deputación vai envorcar esforzos en impulsar a terceira edición do Desafío Volta a Lugo 2017 (DVL2017), que se celebra entre o 26 e o 28 de maio da man da entidade provincial e máis do do Club Ciclista Cidade de Lugo. O compromiso coa proba da entidade que preside Darío Campos materializarase a través de múltiples frontes. Para comezar, a Fundación TIC xa se puxo mans á obra para realizar o vídeo da presentación do percorrido desta nova convocatoria deportiva. O audiovisual proxectouse no acto de presentación oficial do evento deportivo que tivo lugar na Pontenova, xusto diante dos fornos históricos da vila, emprazamento elixido para situar a meta da primeira etapa desta proba cicloturista en bicicleta de estrada (proba non competitiva). A Fundación TIC, entidade pertencente á Deputación, tamén anunciou o seu compromiso para divulgar o acto “alén da súa celebración”. Para levalo a cabo, un equipo da Fundación acompañará aos participantes durante os tres días que dura o evento, filmando a proba a pé de ruta e difundindo o material resultante, a continuación, nun DVD específico sobre esta nova edición do desafío e máis nas redes sociais.
O vídeo do DVL2017 realizado pola TIC fornece información detallada con infografía en 3D do percorrido, datos e perfís técnicos de interese de cada unha das tres etapas, con saída e chegada en Lugo capital, na Pontenova e na Fonsagrada. A idea era subministrar aos corredores mapas, gráficos de desniveis, quilómetros dos itinerarios e información de interese para afrontar o desafío (como avituallamentos, datas, lugares ou horarios do control de sinaturas). Entre os recursos engadidos que se achegan figuran tamén vistas do maillot oficial do evento en 3D e, tamén, do culote a xogo que acompaña esta experiencia deportiva cuxo prazo de inscrición (de balde) fica aberto até o 30 de abril. Por certo que o vídeo estará dispoñíbel na páxina web do evento na seguinte ligazón: www.desafiovoltalugo.com.
Na presentación do DVL2017, dos seus detalles e máis do material de promoción que o vai acompañar participaron o presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto co allcalde do Concello de A Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, o concelleiro de Deportes e Medio Rural do Concello de Lugo, Miguel Fernández Méndez, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Múñiz Nieto, e o presidente do Club Ciclista Cidade de Lugo, José María Seijas Fernández. Estiveron acompañados polo ex-ciclista profesional Ezequiel Mosquera Míguez, na Praza dos Fornos de A Pontenova.
O organismo provincial é o principal patrocinador desta proba deportiva, consolidada como “a única Volta Cicloturista por etapas desenvolvida en Galicia”. En concreto, a entidade que preside Darío Campos achega 65.000 euros para a súa celebración, co obxectivo de “promover o deporte na provincia de Lugo e dando a coñecer a riqueza paisaxística e cultural das distintas zonas polas que transcorre o percorrido”.
Campos Conde subliñou que “a Volta ás Comarcas é un excelente escaparate para a promoción da provincia pola cantidade de xente que consegue reunir e tamén pola súa difusión mediática; de feito cada ano incrementa o número de inscritos, posto que en 2015 foron 140 os participantes, en 2016 houbo 198 ciclistas e, nesta nova edición, esperase superar os 200 corredores chegados toda Galicia, pero tamén de lugares tan dispares como Eivissa, Cidade Real, Murcia, Valencia, Asturias, León ou Madrid”.
A primeira etapa será o venres 26 de maio, e os corredores sairán ás 11:00 horas da Praza Maior do Concello de Lugo e chegarán á Rúa das Escolas, no Concello de A Pontenova. En total, percorrerán unha distancia de 86,8 quilómetros, cun desnivel acumulado de 1.193 metros positivos, atravesando altos de montaña como o Alto de Lindín (3ª Categoría), o Alto de Cruz da Cancela (2ª Categoría) ou o Alto de Augaxosa (2ª categoría). Atravesarán os concellos de Lugo, Castro de Rei, Pastoriza, Riotorto, A Pontenova.

PUBLICIDADE