A Dirección Xeral de I+D experimenta na Semana da Ciencia 2007 con xeitos de comunicar 2.0

martes, 13 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

Houbo un tempo en que os científicos daban a coñecer os seus achados nos mesmos escenarios cós artistas ambulantes. Certo é que a liña que afastaba o valioso do mero espectáculo era máis fina, pero o que se perdía nesa delimitación de espazos gañábase en inmediatez, inventiva e reclamo. Algo de recuperar este espírito hai nesta nova convocatoria da Semana da Ciencia que segue en activo ó longo deste mes de novembro e que en Galiza está coordinada pola Dirección Xeral de I+D, contando para a edición 2007 con máis do dobre de entidades participantes có ano pasado (39 versus 19). Co fin de obter un pouquiño máis de luz sobre o amplo programa de actividades e os froitos acadados en Galiza en materia científica, falamos co director xeral de I+D, Salustiano Mato (na imaxe, obtida polo CCG).
Ó seu xuízo, a ciencia non se reduce ó eido do departamento da investigación dunha facultade. Está aí fóra. Vive e respira. Con actividades como a Semana, máis 2.0 ca nunca grazas (paradoxalmente) a inspirarse no pasado, podemos finalmente ollala de preto e decatarnos de algo que se cadra non agardabamos: de que nos gusta.
-Que é o que destacaría vostede do feito de ter reunido e coordinado a participantes de natureza tan variada?
-A grande vantaxe da Semana da Ciencia é que os cidadáns perciben cómo a ciencia está presente nas múltiples facetas da vida porque todo tipo de entidades, desde unha Facultade de Física até unha empresa local ou unha Asociación de Xadrecistas abren as súas portas para amosar que a I+D+i non é algo alleo á xente do común, ou unhas siglas baleiras de contido, senón que a ciencia e a innovación se materializan en todo o que os rodea. Para chegar esta mensaxe á sociedade é fundamental acadar a participación enriquecedora de todo tipo de entidades espalladas pola xeografía galega.
-Sempre que chegan estas datas facémonos por norma a seguinte pregunta: de verdade lle interesa á comunidade científica que se saiba o que programa, desenvolve e deseña?
-Cada día máis a comunidade científica é consciente da necesidade de comunicar os seus resultados á sociedade e facela partícipe deles. O científico de hoxe non é unha persoa illada e desconectada do mundo que lle rodea, interésalle comunicarse, facerlle entender ao resto da sociedade o seu traballo e acadar en definitiva que os cidadáns se enfronten á vida desde unha cultura do coñecemento. Isto require un esforzo a maiores pola súa banda pero consideramos que é fundamental para o futuro da ciencia en Galiza, para que os cidadáns perciban que os avances nese eido son avances na súa calidade de vida.
-En que vai beneficiar á sociedade este labor de divulgación?
A sociedade é a principal beneficiaria destas actividades porque a divulgación contribúe a crear unha cultura da innovación e da ciencia que se traduce a medio e longo prazo en progreso económico e social, nun futuro dinámico onde a I+D+i xoga un papel fundamental.
-Acadouse máis participación na Semana da Ciencia ca en edicións anteriores e, polo tanto, un número maior e máis variado de actividades. Como foi posible isto?
-Nesta edición da Semana da Ciencia en Galiza a Consellaría de Innovación e Industria acadou reunir a participación record de 39 entidades de todo tipo, desde as tres universidades galegas e centros tecnolóxicos até concellos e todo tipo de asociacións. Esta cifra é para nós un gran motivo de satisfacción porque constitúe un considerable incremento con respecto ao ano anterior, cando participaron 19 e supón ver materializados os nosos esforzos por incrementar cada ano a implicación da sociedade galega na celebración da Semana da Ciencia.
Para entender cómo acadamos este nivel de participación hai que ter en conta dous factores que camiñan xuntos: o feito de que a sociedade galega cada día é máis consciente de que a ciencia e a I+D+i supoñen un alicerce de futuro fundamental para Galiza e o traballo das institucións públicas en divulgación científica e técnica. Nesa liña, o Plan Galego de I+D+i 2006-2010, IN.CI.TE., contempla entre as súas liñas de actuación un Programa de Comunicación e Sensibilización Social cuxo obxectivo é involucrar á cidadanía na ciencia e na tecnoloxía como parte da súa vida a través de accións como a Semana da Ciencia. Nesta tarefa, hai que recoñecer o enorme traballo que realizan todas as entidades públicas e privadas que colaboran ou organizan actividades para a Semana da Ciencia, polo esforzo que supón acadar nas súas cidades e vilas a participación da xente nas actividades, por organizar cousas novidosas, por optimizar os recursos dos que dispoñen.
-Vemos que hai actos con novos formatos. Algúns deixan de estar ancorados en espazos pechados e póñense rodas e outros, como o que leva adiante o grupo Chévere, levaranse a cabo en chave de obra de teatro. Asemade, xa puidemos ver nas rúas a mozos e mozas disfrazados de científicos promovendo o valor da investigación. A que responde isto?
-Cando falamos de comunicar contidos científicos, a maior parte das veces o problema non é que sexan difíciles de explicar ou pouco interesantes senón que o problema xurde en cómo se queren transmitir. A nosa sociedade está sobresaturada de información e conseguir chegar a ela dun xeito efectivo e participativo cada día é máis difícil. Por elo, desde a Dirección Xeral de I+D+i cando nos propuxemos, ademais de coordinar a Semana da Ciencia, organizar nós mesmos unha actividade tiñamos claro que queríamos probar cun novo formato, máis fresco e participativo. Como en xuño deste ano celebramos en Santiago de Compostela o I Obradoiro de Teatro Científico coa participación dunha compañía holandesa especializada en teatro científico, a opción do teatro parecíanos moi apropiada. Deste xeito, deseñamos co Grupo de Teatro Chévere, cunha sólida traxectoria no teatro galego, a produción dunha peza pioneira en Galiza sobre teatro científico para público infantil e familiar sobre un tema moi de actualidade pero igualmente complexo como é a nanotecnoloxía. Estamos seguros de que a divulgación científica non pode limitarse aos ámbitos formais e habituais se queremos que teña éxito, ten que abrir as súas portas a fórmulas máis innovadoras para chegar a outros públicos.
-Para os lectores dunha web coma esta de novas tecnoloxías da información, cales serían os actos da Semana da Ciencia 2007 ós que non poden deixar de acudir?
-Son máis dun cento de actividades e é moi difícil elixir algunha porque todas teñen aspectos interesantes. Eu recomendaríalles ir á páxina web www.semanadaciencia.org e buscar alí a actividade que máis se axeite ao que buscan. Hai visitas guiadas a centros tecnolóxicos, obradoiros, exposicións, cafés científicos, etc.
-Coa fin da Semana da Ciencia interrómpense en Galiza os labores de divulgación ou, pola contra, seguen adiante? E, se seguen, de que maneira?
-A Semana da Ciencia en Galiza en ningún caso é un feito illado xa que por unha banda forma parte da Semana da Ciencia que se organiza no ámbito estatal e europeo e por outra forma parte do traballo de divulgación que cada ano desenvolvemos desde a Consellaría de Innovación e Industria. Para nós, como para moitas das entidades que participan na Semana da Ciencia, a divulgación científica é un compromiso no que traballamos ao longo do ano con moi diferentes proxectos e iniciativas.
Este ano desde a Dirección Xeral de I+D+i temos destinado case un millón de euros a actividades de divulgación científica e tecnolóxica, incluíndo a Semana da Ciencia, diferentes foros, axudas a entidades, etc. Como exemplo, este ano por primeira vez subvencionamos con 793.300 euros 50 proxectos de divulgación científica de entidades públicas e privadas galegas sen ánimo de lucro a través da convocatoria de axudas Diverciencia. Cincuenta proxectos que se desenvolveron ao longo do ano, especialmente na Semana da Ciencia, pero moitos dos cales terán continuidade no 2008.

PUBLICIDADE