A EGAP contribúe a mellorar as competencias en ofimática dos empregados públicos galegos

xoves, 22 de agosto do 2013 Redacción

Fachada da Escola Galega de Administración Pública en Santiago

A Escola Galega da Administración Pública (EGAP) e a AMTEGA puxeron en marcha o Plan formativo ofimático de Galicia, incluído dentro do Plan estratéxico Galicia 2010-2014 e da Axenda Dixital de Galicia 2014.gal para fomentar a formación en competencias dixitais en ofimática dos empregados públicos galegos.
O Plan formativo está formado por un conxunto de cinco materias cun contido adaptado ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, que buscan promover a avaliación e acreditación das competencias profesionais en ofimática dos traballadores da Administración. O dito sistema fai posible simplificar o proceso de provisión de prazas e mellorar a formación continua dos empregados públicos.
A superación destas cinco materias posibilita a obtención da Certificación galega de competencias dixitais en ofimática, coñecida como Codix. Unha das vías para obter a dita certificación é a través dun título da EGAP que acredite a superación das actividades formativas na modalidade de teleformación ou por medio de probas libres.
Os cursos que oferta a EGAP son o Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico, Aplicacións informáticas de tratamento de textos, Aplicacións informáticas de follas de cálculo, Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais e Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. Tal e como estipula a normativa, para cada materia do Plan formativo ofimático de Galicia existen dúas modalidades: en software propietario e en libre.
Dende a posta en marcha do Plan no ano 2011, a EGAP programou un total de 14.500 prazas en cursos e probas libres destinadas para que os empregados públicos poidan obter esta certificación. Ademais, para darlle a oportunidade a un maior número de empregados públicos de alcanzar o Codix, a EGAP estableceu o sistema de probas libres, mediante o cal os alumnos deben superar un exame das citadas materias para acreditar o seu coñecemento.

PUBLICIDADE