A EGAP impartirá un curso sobre información europea na Rede

luns, 20 de xullo do 2009 Redacción

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) convoca diversos cursos de formación para persoal ao servizo das entidades locais de Galicia correspondentes ao segundo semestre do 2009. Estas actividades centraranse, segundo vén de publicar estes días o Diario Oficial de Galicia (DOG), en temas como a normativa aplicable ao patrimonio das entidades locais, a tesourería e a xestión integral na rede, a historia da construción europea, a dirección e xerencia públicas nas administracións locais, o marco normativo da función pública, a xestión da calidade nas organizacións públicas e o coñecemento dos programas de Microsoft Office.

Información europea na rede

O Curso de información europea na rede pretende familiarizar o persoal da Administración local na busca de información da Unión Europea a través da internet, adquirindo a súa vez, coñecementos mínimos relativos ós organismos e a información que proporcionan os web dos distintos departamentos da Unión Europea.
Esta actividade está destinada a funcionarios de Administración local dos grupos A1 e A2 e a persoal laboral asimilado. Desenvolverase entre o 1 de outubro e os 15 de novembro e ofértanse ata 100 prazas para cursalo.

Iniciación á calidade e a Microsoft Office

Ademais a EGAP porá en marcha o Curso sobre iniciación á calidade de cara a introducir aos empregados públicos no coñecemento dos conceptos básicos da calidade, ao longo do mes de novembro. Así como ata seis cursos sobre a base de datos Access, a folla de cálculo de Excel (básico e avanzado), PowerPoint e o procesador de datos Word (básico e avanzado). Desenvolvéndose os relativos a Access e Excel entre o 1 de outubro e o 15 novembro, e os de PowerPoint e Word durante todo o mes de novembro.

Requisitos dos participantes

Poderán participar nas accións formativas convocadas por esta resolución os empregados públicos destinados na Administración local de Galicia que se atopan en situación de servizo activo, incapacidade temporal por maternidade ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos para cada un dos cursos.

PUBLICIDADE