A ETS de Minas bota man de material multimedia e tecnoloxía en 3D para as súas accións da Semana da Ciencia

martes, 13 de novembro do 2012 Redacción

Seguimos dando conta das actividades da Semana da Ciencia, unha celebración que adoita abranguer a nivel mundial algo máis que sete días: o mes enteiro de novembro. Na nosa terra, xa hai días que escoitamos aos científicos ou divulgadores botándose fóra dos seus centros de traballo para informar das súas investigacións, ou ben acollendo visitas para amosalas. Por exemplo as profesoras e profesores que participaron os días pasados nunha multitudinaria sesión de videoconferencia para expoñer as vantaxes de facer tecnoloxía en galego. Nesta liña, facendo fincapé na liña investigadora dun centro ben concreto, a ETS de Enxeñaría de Minas de Vigo, é onde se insiren as actividades que a Escola desenvolve até o 16 de novembro en máis de 25 centros de ensino galegos, abranguendo a máis de 800 estudantes. O obxectivo: dar unha visión o máis realista posíbel, a través de accións reais apoiadas en recursos multimedia, das investigacións que acubillan os laboratorios de Minas.
Para estas actividades contarase coa participación de 15 estudantes da dita Escola Técnica Superior que farán de guías e intérpretes de cara aos enxeñeiros e enxeñeiras en potencia: a mocidade galega de Secundaria e Bacharelato. A temática xeral destas e outras actividades previstas será a investigación dos materiais, facendo fincapé na súa renovabilidade e no respecto de cara ao medio ambiente, de feito nesta Semana da Ciencia celébrase o Ano Internacional da Enerxía Sostible.
Xa nun plano máis concreto, dicir que a través deste programa de Minas, os participantes poderán coñecer de primeira man as posibilidades que abren enerxías alternativas como a biomasa ou o biodiésel, o emprego de novos materiais como a espuma ou o emprego da fotoelasticidade, unha técnica que permite medir esforzos e deformacións de materiais a través do uso da luz. Cunha cámara termográfica, como a empregada nos estudos de eficiencia técnica, os estudantes realizaran pequenos experimentos para visualizar aspectos como a temperatura corporal dos presentes nas aulas, tomando incluso unha termografía de grupo para dar aos participantes como recordo. Amais, os estudantes participarán no levantamento tridimensional dunha aula na que eles están presentes cun láser 3D que fai un escaneado deles mesmos que logo poden levar como recordatorio.

PUBLICIDADE