A FCC rexeita a neutralidade de rede nos EE.UU.

venres, 15 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Onte foi un día negro para a Internet nos EE.UU., xa que a Comisión Federal de Comunicacións (FCC) aprobou a erradicación das normas aprobadas hai un par de anos para defender a neutralidade de rede na Internet, ou sexa, que o Goberno dos EE.UU. eliminou a prohibición de que os provedores de acceso á Internet puidesen tratar os diferentes tipos de tráfico da Rede de xeito desigual, deixando a porta aberta a que as compañías que comercializan as conexións dos cidadáns á Internet poidan bloquear ou reducir a velocidade de certos tipos de tráfico e mesmo ofrecer vías rápidas de pagamento, o que atentaría contra os principios nos que se sustenta a Rede.
Esta serie de medidas da FCC está a ser criticada unanimemente a nivel mundial, e conta cun grande rexeitamento social, pese a que as autoridades estadounidenses aseguren cinicamente que restauraron a liberdade na Internet, cando o que realmente fan é deixar o sector en mans das empresas, o que pode traducirse en abusos, especialmente no escenario actual na que existen ligazóns evidentes entre empresas de telecomunicacións e creadores de contidos, de xeito que uns servizos poderían operar mellor que outros en función do operador de telecomunicacións que se empregue, creando situacións anti-competitivas que poden ter un importante impacto para servizos actuais e supor un serio freo para a creacións de novos servizos no futuro por parte de axentes que non estean baixo o paraugas dun dos grandes operadores.
Cómpre salientar que a FCC promove normas para manter unha Internet aberta dende hai máis dunha década, de xeito que este cambio de rumbo só atende a unha clara imposición da administración Trump e as súas políticas liberais, que en defensa das grandes empresas pode rematar deteriorando gravemente os dereitos dos cidadáns.
Aínda que a normativa estadounidense non ten impacto directo sobre os cidadáns europeos, o feito de que as principais compañías da Internet estean en territorio norteamericano deixa fai que as medidas contra a neutralidade de rede nos EE.UU. poidan ter repercusións globais, aínda que é moi cedo para sacar conclusións.

PUBLICIDADE