A FIC acollerá os vindeiros días un curso sobre hacking ético

xoves, 15 de outubro do 2015 Redacción

A Universidade da Coruña e AN Centro de Formación, en colaboración co CPEIG, a Facultade de Informática da Coruña e a Escola de Especialidades Antonio de Escaño, van organizar os días vindeiros (en outubro e tamén en novembro) unha actividade formativa sobre seguridade TIC e prevención de riscos. Trátase do Curso Hacking Ético e Auditoría Informática, unha acción formativa de corenta horas repartidas en catro fins de semana e orientada a técnicos e responsábeis da seguridade da información, analistas forenses, peritos xudiciais e peritos informáticos.
Segundo informa a organización, “o hacking ético é cada día máis solicitado polas empresas e neste curso poderemos introducirnos nesta práctica TIC e nos xeitos que brinda de levar a cabo auditorías”, auditorías que se por algo se caracterizan (de aí o de “ético”) é por ocasionar o mínimo número de danos a todos os implicados e por ter sempre un marcado carácter social e solidario.
O curso celebrarase os días 23, 24, 30 e 31 de outubro, e tamén os días 6, 7, 13 e 14 de novembro. O horario é de 17:00 a 21:00 os venres e de 9:00 a 15:00 os sábados. Celebrarase na Facultade de Informática da Coruña (FIC). Contarase coa presenza dos seguintes profesores-divulgadores (e expertos en hacking ético): Pablo González Pérez (Eleven Paths), Daniel González Gutiérrez (PwC España), Rafael Sánchez (Eleven Paths) e Miguel Ángel García del Moral (Eleven Paths).

PUBLICIDADE