A Facultade de Informática da Coruña benefíciase da experiencia de Indra

mércores, 19 de decembro do 2012 Redacción

Indra, compañía global de tecnoloxía e innovación constituída en Madrid no ano1992, asinou un acordo de colaboración o pasado 18 de decembro coa Facultade de Informática da Universidade da Coruña. O pacto foi selado polo reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, e o director do Centro de Desenvolvemento da empresa Indra Software Labs, Manuel Díaz Méndez, asemade tamén quixo estar presente o decano da Facultade de Informática, Alberto Valderruten. A unión destas dúas forzas ten como obxectivo aumentar o traballo conxunto entre a multinacional e a Facultade de Informática da UDC co gallo de que os estudantes coruñeses de Informática acaden unha formación académica de meirande calidade.
Cómpre dicir que a facultade de Informática de Elviña mantén unha estreita ligazón coa empresa Indra de cara á docencia do Mestrado Universitario en Enxeñaría Informática, título con atribucións profesionais que está bastante axustado á realidade empresarial, sendo ese o motivo da decisión da súa empresa en participar na docencia do mestrado.
Como dato a ter en conta -segundo verbas do propio director do Centro de Desenvolvemento de Indra- na sede da empresa en Galicia hai uns 200 titulados procedentes da facultade coruñesa, dun cadro de persoal formado por un 40% de mulleres informáticas.

PUBLICIDADE