A Federación de Bandas de Música Populares estrea web participativa

luns, 17 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

A Federación de Bandas de Música Populares (FGBMP) vén de abrir nova páxina. A idea da entidade é ir alén dun mero punto de encontro para bandas, músicos e afeccionados de todo o país: o gran obxectivo é achegar os pasos que faltaban para unha colaboración activa entre todos eles. A páxina, posta en marcha de xeito oficial este 17 de novembro, subministra unha manchea de contidos e servizos, entre os que se contan recursos de información xeral (quen somos, concursos, certames, concertos), novas, anécdotas e artigos de investigación sobre o eido das bandas populares galegas, até o de agora escasamente referenciadas nas redes. O espazo web, que foi desenvolvido de xeito íntegro sobre Linux (para o que se contou colaboración activa de Mancomún e a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información), tamén vai dirixido cara a uns obxectivos máis xenéricos: contribuír a preservar na Rede a cultura galega e abrir camiños para o futuro da cultura popular.
A actividade do novo espazo en liña do FGBMP, entidade arestora constituída por case 90 bandas federadas cos seus 6.300 músicos, estase a complementar con outras accións de divulgación en liña, como por exemplo a presentación no servizo de vídeos YouTube da canle propia da Federación, que xa dispón neste intre de case 30 vídeos. O propósito do espazo é en boa medida semellante ao da web oficial da FGBMP, pero se cadra con meirande alcance internacional e entre a mocidade, principal usuaria de YouTube.
Os vídeos que podemos ver arestora pertencen ás actuacións do I Certame Galego de Bandas de Música Populares, de concertos da Banda Sinfónica da Federación ou dalgunha das agrupacións que forman parte dela. A idea é incrementar en boa medida a achega de vídeos e información coa vindeira celebración do dito Certame, do 21 ao 23 de novembro deste mes no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE