A Forxa: obradoiro galego de software libre para particulares, empresas, universidades e institucións

xoves, 18 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

A plataforma mancomun.org, posta en marcha pola Consellería de Innovación e a comunidade de desenvolvedores e usuarios de software libre de Galiza, vén de presentar unha nova sección na web encamiñada a potenciar –precisamente– o espírito deste tipo de programas na nosa terra e conseguir un obradoiro de traballo coas “portas” abertas para axentes, empresas, universidades, institucións e calquera persoa en xeral que estea interesada en presentar e desenvolver un proxecto.
A Forxa, iniciativa posta a camiñar en colaboración coa Universidade da Coruña (que se encargará dos labores de dinamización, investigación e soporte), é un repositorio galego de open source aberto a todo tipo de propostas.
O software empregado é a ferramenta colaborativa Gforge. A Forxa xa conta neste intre cunha listaxe de usuarios onde nos poderemos dar de alta se queremos achegar a nosa colaboración ou proxecto.

PUBLICIDADE