A Fundación Araguaney e Atresmedia xuntan forzas a prol da formación en innovación audiovisual

mércores, 13 de setembro do 2017 Redacción

A Fundación Araguaney-Ponte de Culturas (con sede de operacións en Santiago) e Atresmedia van colaborar en innovación audiovisual e en formación en contidos dixitais. Así o deron a coñecer ámbalas entidades esta mañá en Compostela, logo de asinar un convenio de cooperación que ten por obxecto, nas súas palabras, “crear un marco de relación estábel coa arela de impulsar, executar e coordinar o deseño e realización de cursos, conferencias, seminarios, charlas ou outras actividades”. No acto participaron o presidente da fundación galega, Ghaleb Jaber Martínez; o director de Recursos Humanos do grupo Atresmedia, Lucio Fernández; o director de Onda Cero Galicia, Ignacio Capeáns; a delegada de Antena 3 en Galicia, Eva Vázquez Lima; e o xornalista e formador Luis Fraga.
Segundo fixeron saber, o acordo ten unha duración de dous anos e o deseño dos cursos será responsabilidade de Atresmedia, quedando reservada a organización e a loxística á Fundación Araguaney-Ponte de Culturas. As actividades estarán orientadas sobre todo a innovación, tanto conceptual como técnica dos medios audiovisuais. Nun plano máis concreto, farase especial fincapé nas habilidades e nos coñecementos técnicos dos medios de comunicación actuais, incluíndo “expresamente” as novas tecnoloxías da información, os novos procesos de traballo na área audiovisual, as redes sociais, os medios dixitais ou os contidos multiplataforma.
Ghaleb Jaber Martínez explicou que esta formación ofrece aos profesionais do sector audiovisual “a posibilidade de cursar unha docencia de calidade”, actualizada e inmediata. Lucio Fernández, pola súa banda, asegurou que este acordo permitirá ofrecer en Galicia “formación de calidade”, impartida a través do proxecto Atresmedia Formación que naceu na corporación hai un ano e polo que xa se organizaron cursos en Madrid, Andalucía, Levante ou Castela A Mancha. Tamén dixo que os cursos que se van organizar en Compostela están encamiñados a persoas interesadas en mellorar as súas actitudes profesionais e desenvolver novas habilidades, “principalmente licenciados ou profesionais preocupados por actualizar os seus coñecementos”. Segundo engadiu, “son cursos prácticos presenciais indicados para mellorar a locución e as técnicas de presentación ou ensinar a facer gravacións con móbiles, sempre co acompañamento de formadores da casa ou externos elixidos pola súa recoñecida traxectoria”.
Os cursos impartiranse preferentemente na sede da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas (Hotel Araguaney de Santiago), aínda que tamén se poderán celebrar en diferentes cidades de Galicia. Terán unha duración de 15 horas (impartidos en tres días) e un máximo de 15 alumnos que recibirán un diploma acreditativo asinado por ambas as entidades.

PUBLICIDADE