A Fundación CEL presenta en Lugo a segunda edición da Mostra de Innovación Tecnolóxica, MIT

xoves, 27 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

O presidente da Fundación CEL-Iniciativas por Lugo, Guillermo Sánchez Vilariño, e o presidente da Federación de Comercio de Lugo, José Mª Seijas, presentaron este xoves 27 a segunda edición da Mostra de Innovación Tecnolóxica Empresarial de Lugo (MIT 2007), que constitúe unha das máis importantes aplicacións prácticas dos obxectivos do organismo da Fundación CEL, a organizadora do evento.
As grandes finalidades desta mostra son os mesmos cós da Fundación, é dicir: darlle a Lugo o combustible que precisa para non ficar á marxe da Sociedade da Información e máis polo miúdo no eido das empresas, aínda que nesta volta subliñando con trazo ben visible os termos “comercio”, “novas tecnoloxías” e “competitividade”.
Este ano, a Mostra está máis orientada ó comercio, polo que está previsto que acudan empresas relacionadas coa informática neste sector, dedicadas á programación de software específico, comercio electrónico, medidas de seguridade, hardware ou formación específica para o sector comercio.
Asemade, paralelamente á celebración da Mostra, desenvolveranse varios relatorios orientados a cubrir toda a información posible relacionada co comercio e as novas tecnoloxías, que tratarán, entre outras cousas, os programas de almacenamento, de xestión da información, de control de pedidos e stocks...
Tamén se exporán as axudas que convoca anualmente a Consellaría de Innovación e Industria para a modernización do comercio galego e mostraranse casos de éxito de empresas galegas do sector comercio que destaquen pola implantación das TIC na súa actividade.
Tanto Sánchez Vilariño como Seijas aproveitaron este acto de presentación para animar a tódolos empresarios lucenses do sector comercio a formar parte desta II Mostra de Innovación Tecnolóxica de Lugo.

PUBLICIDADE