A Fundación Camilo José Cela inaugura unha mostra virtual sobre as viaxes do escritor

mércores, 18 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

A Fundación Camilo José Cela vén de abrir unha exposición que, con independencia da calidade dos seus contidos e a súa presentación (ufff), tira abondo proveito das novas tecnoloxías e canles da información. É dicir: poderemos pasear por ela e ver de preto as obras expostas sen necesidade de acudir á sede mesma da Fundación en Iria Flavia (Padrón).
A mostra vén a conto porque este ano en curso cúmprese o 60 aniversario da viaxe pola Alcarria, aquela que o escritor galego fixo polas terras castelás do mesmo nome e que foi o xermolo dun dos libros de viaxes de máis sona da literatura española do século XX, Viaxe á Alcarria.
A exposición componse de portadas de diferentes edicións de libros de Cela, arquivos xornalísticos, manuscritos, cartas, fotografías, placas, etc. Segundo a Fundación Camilo José Cela estaríamos a falar da primeira mostra virtual que se habilita no Estado, dato cen por cen susceptible de ser posto en dúbida, tendo en conta que hai artistas e museos que xa levan moitos anos traballando dun xeito moi achegado á Rede.
Para todos aqueles que aínda prefiran ve-las pezas ó natural, dicirlles que a exhibición ficará aberta na sede da Fundación até o vindeiro 29 de decembro.

PUBLICIDADE